Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Avanzan as obras de reposición en Chapela coa humanización da estrada do Torreiro

– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor o cumprimento dos compromisos do Goberno central con Redondela “porque era unha débeda con este municipio e un dereito dos veciños de Chapela que veñen padecendo esta autoestrada desde hai moitos anos”.

– Rivas puxo de relevo que o traballos de humanización na estrada do Torreiro “permitiran mellorar a mobilidade da veciñanza nunha zona moi transitada, xa que dá acceso ao instituto, o multiusos do Piñeiral e a igrexa de San Fausto”.

– O delegado do Goberno Pedro Blanco sinalou que “o Goberno cumpre cunha débeda histórica con Redondela e dá resposta ás demandas da veciñanza de Chapela, poñendo punto e final a un problema que afectaba de maneira importante á calidade de vida da cidadanía da contorna da AP-9”.

Os traballos de ampliación e mellora na estrada do Torreiro en Chapela están a realizarse a bo ritmo e entran na recta final. As obras de humanización da contorna da Igrexa de San Fausto están incluídas no proxecto que executa a sociedade concesionaria da autoestrada (Audasa) cun investimento de 3,21 millóns de euros. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor o cumprimento dos compromisos do Goberno central con Redondela “porque era unha débeda con este municipio e un dereito dos veciños de Chapela que veñen padecendo esta autoestrada desde hai moitos anos”. A alcaldesa fixo estas declaracións onte, durante a visita do delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que supervisaron as obras, e na que tamén participaron o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, e o de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar. Rivas puxo de relevo que os traballos que visitaron onte, na estrada do Torreiro, “permitiran mellorar a mobilidade da veciñanza nunha zona moi transitada, xa que dá acceso ao instituto, o multiusos do Piñeiral e a igrexa de San Fausto”. As obras inclúen tamén a ampliación da pasarela peonil elevada que cruza a autoestrada.

O delegado Pedro Blanco sinalou que o Goberno avanza “con paso firme” para completar os compromisos ligados á ampliación de capacidade desta vía e que suman 15 millóns de investimentos en Redondela. As tres actuacións son a construción do novo centro educativo de Chapela, que xa está funcionando; a reposición de viarios, que está en execución, e a instalación de pantallas antirruído. Durante a visita sinalou que con estes traballos “o Goberno cumpre cunha débeda histórica con Redondela e dá resposta ás demandas da veciñanza de Chapela, poñendo punto e final a un problema que afectaba de maneira importante á calidade de vida da cidadanía da contorna da AP-9”.

O proxecto de reposición de viarios e humanización que se está a executar en Chapela comprende as seguintes actuacións:

– Adecuación e mellora dos camiños Penisal, Torreiro, Camiño da Igrexa e Pasán, mediante a reposición do firme, disposición de beirarrúas, creación de zonas axardinadas e sendas peonís. Dótase de continuidade ao Camiño da Igrexa ata a rúa Pasán.

– Ampliación da pasarela peonil de Chapela, que cruza sobre a autoestrada AP-9.

– Reordenación da sección transversal do paso superior sobre a autoestrada da rúa Pasán para permitir a disposición dun itinerario peonil sobre o mesmo.

– Tamén se adecúa a contorna do IES Chapela, mediante a disposición dunha dársena para subida e baixada de estudantes que viaxan en vehículo privado, e que actualmente non dispoñen de espazo habilitado na avenida de Redondela para realizar esta operación.

– Ampliación do paso superior de Trasmañó, mellorando deste xeito o itinerario peonil que discorre sobre o mesmo.

– Reposición e mellora de Camiño Mouriño, repoñendo o firme e construíndo beirarrúas.

As obras inclúen ademais as debidas actuacións de integración ambiental, estética e paisaxística, e son compatibles coa actuación de disposición de pantallas antirruido neste tramo.

Compartir