Ensino
A área de Ensino do Concello de Redondela encárgase de supervisar o funcionamento e mantemento dos centros públicos do Concello de Redondela. Somos un organismo intermediario con outros órganos públicos como a Xunta de Galicia.
Realízanse programas e actividades para mellorar certos aspectos da infancia e lánzanse concursos para potenciar o inclusionismo social e dos distintos grupos, nenos, profesores e pais.
Contacta
- 986 400 300
- ensino@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Laborais de 9:00 a 14:00 horas
- Conservatorio: Laborais de tarde
- Novas
- Axenda
- Descargas
– Alumnado do IES Chapela participa nun proxecto posto en marcha polo Concello de Redondela para plantar un cento de árbores nunha parcela de dúas hectáreas cedida pola Comunidade de Montes de Chapela, no lugar de Parada. Os exemplares, entre os que hai castiñeiros, nogueiras, abeleiras, bidueiros, maceiras e ameixeiras, entre outras especies, foron doados polo Concello de Redondela.
-A actividade de repoboación, dirixida pola empresa medioambiental Tarabelos, pretende poñer en valor este espazo natural e concienciar á rapazada da importancia de respectar e coidar a natureza. O obxectivo é crear un gran parque forestal na zona, que conta con espectaculares vistas sobre a ría.
Alumnos e alumnas de 3º da ESO da IES Chapela e dos ciclos de Educación Infantil e Farmacia están a participar nunha actividade de educación ambiental. Repartidos en varios grupos, un total de 60 rapaces e rapazas están a repoboar unha parcela de monte da parroquia. Trátase da terceira plantación que se fai nesta zona con preto dun cento de árbores, e continuarán ao longo do curso. A repoboación faise nun terreo duns 20.000 metros cadrados cedido pola Comunidade de Montes Chapela. A parcela en cuestión, no lugar de Parada, conta cunhas espectaculares vistas panorámicas sobre a ría de Vigo.
Guiados por Álvaro Diego Fuentes, da empresa Tarabelos, a rapazada aproveitou a xornada para coñecer mellor a contorna. O experto sinala que, deste xeito, o alumnado “non só fai unha actividade ambiental e aprende a distinguir árbores, senón tamén pode coñecer mellor e poñer en valor a súa propia parroquia, o monte e os camiños”.
As árbores, doadas polo Concello de Redondela, pertencen a diferente de especies entre as que hai castiñeiros, nogueiras, abeleiras, bidueiros, maceiras, caqui, ameixeiras, cerdeiras, salgueiros, figueiras, etc. Fuentes explica que este espazo transformarase nun “bosque comestible”, e de feito as froiteiras plantadas hai un ano xa produciron as primeiras mazás e ameixas. O obxectivo é crear un gran parque forestal na zona, que conta con espectaculares vistas sobre a ría, cun circuíto de sendeiros.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os concelleiros das áreas de Sostibilidade, Roberto Villar, Ensino, Iván Valles, e Medio Ambiente, Alberto Álvarez, visitaron a plantación xunto aos responsables da Comunidade de Montes de Chapela. Rivas avanzou que a zona vai sinalizarse para dar a coñecer este proxecto, “xa que no futuro será unha gran área de lecer”. Roberto Villar pediu tamén á veciñanza “que respecte este traballo e axude a mantelo, xa que algunhas das árbores plantadas o ano pasado foron roubadas”. O concelleiro de Ensino sinalou que se trata dunha gran iniciativa xa que “de xeito transversal o ensino serve para que coñezan máis a natureza e se impliquen no seu coidado”, conclúe Valles. O presidente da comunidade de Montes, Francisco Puch, afirmou que esta iniciativa “é moi positiva para que o alumnado poida coñecer máis os beneficios que ten o monte comunal como pulmón verde para a parroquia”.
Nesta semana de Defuntos, máis de 150 alumnos de centros de ensino de Redondela están a realizar visitas guiadas ao cemiterio dos Eidos. Trátase dunha iniciativa do Concello de Redondela “para que a rapazada coñeza o patrimonio histórico, artístico e cultural da vila”. A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que este camposanto, que data do ano 1833, “recolle boa parte da historia de Redondela, onde repousan ilustres personaxes”. Este monumento, considerado como un “xardín romántico”, foi elixido como o cemiterio máis bonito de España.
A guía Soledad Chayán é a encargada de explicar a nenos e nenas o seu valor patrimonial, onde destacan interesantes esculturas e panteóns con arquitectura neogótica. Os ex-alcaldes Ramón Pardo Ferro e Telmo Bernárdez Santomé, o procurador Francisco Crespo Rivas, o médico Alejandro Otero, e mesmo un heroe da batalla librada en Ponte Sampaio contra as tropas francesas en 1809, o alférez de navío John O’Dogherty, descansan no cemiterio dos Eidos. Tamén garda parte da Memoria Histórica da vila posto que hai unha fosa común cos restos de 42 represaliados da Guerra Civil española, onde se levanta un monumento conmemorativo.
Onte fixeron a visita guiada alumnos e alumnas do CEIP Reboreda e o IES Pedro Floriani e hoxe outro grupo do IES Floriani e escolares do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela. Digna Rivas e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, acompañaron onte a un dos grupos e animaron á rapazada “a seguir aprendendo sobre a historia e o patrimonio de Redondela”.
– O Concello de Redondela, en colaboración coa Asociación Érguete, pon en marcha os programas “Educando en Igualdade”, dirixida ao alumnado de 4º de Primaria, e “Xeración Violeta” para nenos e nenas de Educación Infantil e as familias. Nas actividades participarán máis de 300 nenos e nenas.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que desde o Concello o trabállase na promoción da Igualdade “en todos os eidos e todos os días do ano” e salientou a importancia de sensibilizar aos nenos e nenas “desde as idades máis temperás, porque temos a obriga de construír entre todos unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
O Concello de Redondela, no marco do convenio de colaboración coa Asociación Érguete, pon en marcha dous programas de Igualdade nos centros de ensino do municipio. Trátase das actividades “Educando en Igualdade”, dirixida ao alumnado de 4º de Primaria, e “Xeración Violeta” para nenos e nenas de Educación Infantil con varias sesións didácticas en cada grupo. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa visitaron onte o CEIP de Cedeira, onde comezaron a celebrarse estas charlas. A rexedora sinalou que desde o Concello o trabállase na promoción da Igualdade “en todos os eidos e todos os días do ano”. O obxectivo deste programa é achegar ao alumnado e ás familias “ferramentas de sensibilización e actuación para unha verdadeira relación de igualdade entre nenos e nenas”, sinala Rivas. A rexedora salienta a importancia de traballar en materia de igualdade “desde as idades máis temperás, porque os nenos e nenas son os homes e mulleres do futuro, e temos a obriga de construír entre todos unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Nas sesións de traballo que se realiza nos colexios trázase unha metodoloxía que favorece o traballo cooperativo e un reparto de roles afastados dos estereotipos.
Nestes programas participarán máis de 300 nenos e nenas dos centros de ensino público de Redondela. Onte comezaron as actividades no CEIP de Cedeira, e ao longo do mes de novembro continuarán no CEP Santa Mariña, os CEIP Outeiro das Penas, Reboreda, Quintela, Laredo, Igrexa, Porto Cabeiro, Alexandre Bóveda e as escolas infantís Marisma, Ventosela e San Pedro de Cesantes.
O programa está financiado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.
Aínda non hai eventos para as próximas datas
Información de interese
Concédense subvencións como:
- Axuda de material escolar para nenos de 3 a 6 anos.
- Axuda de comedor
- Actividades extraescolares para ANPAS
- Programas de autoxestión para os centros.