Concello de Redondela

A programación do 25N comeza coa Escola de Familias “Previr desde o fogar”

– Cada mércores de novembro celebrarase unha sesión da Escola de Familias “Previr dende o Fogar” que será itinerante e celebrarase en diferentes centros. Abordarase a educación afectiva-sexual nas distintas etapas de Infantil, Primaria e Secundaria. O obxectivo é trasladar ás familias as conclusións dos obradoiros que se fan coa rapazada ao longo do ano.

– O venres e sábado celébrase a actividade “Respostas contra a Violencia Machista” para abrir a campaña do 25N a toda a sociedade. Na praza do Concello e na Alameda Rosalía de Chapela instalaranse siluetas de muller para que todas as persoas que o desexen poidan achegarse e deixar as súas propias respostas ante a violencia machista.

O Concello de Redondela pon en marcha unha ampla programación co gallo da celebración do Día da Non Violencia contra as Mulleres, o vindeiro 25 de novembro. A alcaldesa, Digna Rivas, salientou que desde o Concello “traballamos todos os días do ano na prevención da violencia machista, con actividades para darlle visibilidade a esta problemática e concienciar á sociedade, especialmente aos mozos e mozas. Neste mes de novembro a programación refórzase aínda máis con actividades dirixidas especialmente ás familias con nenos, nenas e adolescentes. Cada mércores de novembro celebrarase unha sesión da Escola de Familias “Previr dende o Fogar” que será itinerante e celebrarase en diferentes centros. O día 12 será a primeira das xornadas na que se abordará a educación afectiva-sexual na etapa de Ensino Infantil. A xornada está dirixida a pais, nais e titores de nenos e nenas de 0 a 6 anos. A cita é na Escola Unitaria de San Pedro de Cesantes ás 17:00 horas. A segunda das xornadas, o mércores día 19, versará sobre a mesma temática pero dirixida a familias de nenos e nenas de Educación Primaria, de 6 a 12 anos de idade. Será no CEIP Outeiro das Penas ás 17:00 horas. Por último, o mércores día 26, será a quenda da Educación afectiva-sexual na etapa de Secundaria, para familias con fillos e fillas dos 12 aos 18 anos. Será no IES Chapela ás 17:00 horas. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que, para facilitar a asistencia de nais e pais, haberá obradoiros lúdico-educativo para rapazada de 3 a 12 anos durante as sesións da Escola de Familias. Con esta actividade dáse continuidade ao traballo que durante todo o curso se realiza en colexios e institutos co alumnado. “Deste xeito trasladamos ás familias as conclusións dos obradoiros que facemos coa rapazada, e dámos resposta ás súas dúbidas e inquedanzas”, explica Vilaboa. O obxectivo é continuar con esta Escola de Familias ao longo de todo o curso para abordar cada mes diferentes temáticas.

Ante a violencia machista, resposta universal

A campaña do 25N deste ano leva por lema: “Ante a violencia machista, resposta universal” e está realizada en colaboración coa Subdelegación do Goberno e a Universidade de Vigo. Digna Rivas explicou que o lema proposto para este ano esixe a resposta das institucións, das administracións, das familias, da cidadanía e, sobre todo, resposta colectiva, “porque só desde a unidade e o compromiso poderemos poñer fin a esta realidade intolerable”. Os colexios, institutos e outras entidades que van participar na campaña de Redondela terán unha siluetas de muller, con material achegado polo Concello, para escribir cales son as súas respostas ante a violencia machista.

Co gallo de abrir a campaña a toda a sociedade, o venres e sábado presentarase a actividade “Respostas contra a Violencia Machista». Será na Praza do Concello o venres día 14 ás 12:00 horas e na Alameda Rosalía de Castro de Chapela o sábado, día 15, ás 12:00 horas. Nunha carpa instalaranse siluetas de mulleres para que todas as persoas que o desexen poidan achegarse e deixar as súas propias respostas ante a violencia machista.

Compartir