Concello de Redondela

A programación de Nadal chega a todas as parroquias con espectáculos para público infantil e familiar

– O III Ciclo Infantil Interparroquial de Nadal contará con trece espectáculos desde o 19 de decembro ata o 4 de xaneiro. Tanxarina, Os Bolechas, Pakolas, As Tareixas, Peter Punk ou Ce Orquestra Pantasma son algúns dos protagonistas da programación para o público infantil e familiar.
– A programación de Nadal do Concello de Redondela complétase cos Festivais de Panxoliñas, a visita de Papá Noel e a Festa pre Fin de Ano no campo da feira, ademais das tradicionais Cabalgatas e as Rondallas e Ranchos de Reis.
– O acendido das luces de Nadal será este sábado, 29 de novembro, cun gran espectáculo na praza do Concello e un pasarrúas polo centro da vila. A música e a maxia do Nadal estarán presentes nesta xornada, na que non faltarán as sorpresas.

Co acendido das luces de Nadal este sábado ás ás 20.00 horas na praza do Concello dará comezo a programación cultural de Nadal. A iluminación, como en anos anteriores, non se limitará aos núcleos urbanos senón que “se estende por todas as parroquias do municipio con figuras decorativas nas rúas, prazas, alamedas, xardíns e elementos singulares”, sinala Digna Rivas. As trece parroquias do municipio tamén serán protagonistas da programación de Nadal.

O III Ciclo Infantil de Nadal Interparroquial contará con primeira vez con espectáculos en todas as parroquias. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que para este goberno é moi importante “achegar a programación cultural e a maxia do Nadal a todos os veciños e veciñas”. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, explica que se trata de actividades musicais e teatrais en galego para o público infantil e familiar. Desde o Concello o obxectivo é “achegar ás parroquias actividades culturais de calidade e en galego ao longo das vacacións escolares de Nadal”. Todas as actuacións serán ás 18.00 horas. A primeira será co grupo de música redondelán “As Tareixas”, que actuarán no Centro Cultural de Ventosela o 19 de decembro. Seguirá Brais das Hortas, o 20 de decembro no Centro Cultural de Quintela co espectáculo “Zona de Obras”. En Cesantes a cita será coa música de Paco Nogueiras e o espectáculo “Son animal”, no Centro Cultural o día 21 de decembro. Na Sociedade Labrego Cultural do Viso estarán o 22 de decembro Fantoches Baj coa obra “O castiñeiro do Apalpador”. O 23 de decembro o protagonista será Peter Punk, que estará no Centro Cultural de Saxamonde cun espectáculo cómico e musical. A maxia e diversión do circo chegará o 26 de decembro ao Centro Cultural de Negros co “Show de Fifo”. No Centro Cultural de Cedeira estará o 27 de decembro a compañía Títeres Alakrán co teatro de monicreques “Barriga Verde”. O 28 de decembro será a quenda do ilusionista internacional Cayetano Lledó, que estará no Auditorio da Xunqueira cun espectáculo de maxia para público familiar. Lledó combina técnicas innovadoras con xogos cómicos onde a sorpresa e o humor se fusionan co ilusionismo. Un día despois toda a marcha e a diversión do espectáculo musical “A Bailar no Nadal” de Animar-T chegará ao Centro Cultural de Trasmañó, o 29 de decembro. A última actuación do ano será o 30 de decembro co polifacético Ce Orquestra Pantasma no Centro Cultural de Reboreda. O mes de xaneiro comezará coa gran compañía redondelá Tanxarina, que actuará no Centro Cultural de Cabeiro o 2 de xaneiro coa súa premiada obra Titiricircus. O ritmo rockeiro chegará da man de Pakolas cun espectáculo musical no Centro Cultural de Vilar de Infesta o 3 de xaneiro. A programación deste ciclo rematará o 4 de xaneiro cunha das familias máis coñecidas de Galicia, “Os Bolechas”, que estarán o auditorio do Piñeiral do Crego en Chapela.

A programación de Nadal complétase co concerto benéfico a benéfico a favor de Cáritas o 27 de decembro no auditorio da Xunqueira e o Festivais de Panxoliñas e Canto Tradicional os días 3 e 4 de xaneiro.

Visita de Papá Noel a Redondela e Chapela

Do 17 ao 24 de decembro nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita serán de 17 h a 19:30 todos os días, agás o día 24 que será en horario será de mañá, de 11 h a 14 horas. Papá Noel tamén se instalará en Chapela, na alameda Rosalía de Castro, do 20 ao 23 de decembro en horario de 17.00 a 20.00 horas.

Os nenos e nenas que o desexen poderán contactar tamén con Papá Noel a través das novas tecnoloxías. Poderán facelo a partir do 12 de decembro na páxina web www.nadalenredondela.com.

Festa Pre Fin de ano e Cabalgatas

Redondela despide o ano por anticipado cunha festa Pre Fin de ano o 30 de decembro. Será a partir das 21 horas no campo da feira con concerto e discoteca móbil.

As cabalgatas de Reis celebraranse como é habitual en Redondela e Chapela o día 5 de xaneiro a partir das 18.00 horas, e o día 6 a vila vivirá un dos días máis grandes do ano coas tradicionais Rondallas e os Ranchos de Reis desde as 10.00 horas polas rúas do centro da vila.

Compartir