Antonio Cabaleiro, Digna Rivas e Ramón Castro nas instalacións do campo de Santa Mariña
– Comezaron os traballos de reforma no Campo Municipal de Santa Mariña que consistirán na renovación integral dos vestiarios, almacén e outras instalacións. Os traballos ascenden a 249.386 euros que se financian co II Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación. O proxecto inclúe a substitución de toda a iluminación actual por tecnoloxía LED nos campos de fútbol e pistas de tenis anexas, o que suporá un aforro de máis de 30.000 euros ao ano.
– Digna Rivas salienta que se trata dunhas instalacións “totalmente obsoletas, con décadas de antigüidade e nun estado de conservación pésimo, xa nunca se realizaron traballos de mellora”. Esta reforma é “moi necesaria para os preto de 300 rapaces e rapazas que utilizan estas instalacións e que merecen uns vestiarios modernos, dignos e que cumpran coas súas necesidades”.
A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, visitaron o Campo de Fútbol Municipal de Santa Mariña xunto a Ramón Castro, da directiva do CD Choco. Os traballos de reforma xa comenzaron para acometer a renovación integral dos vestiarios, oficinas e almacén, así como unha nova iluminación LED. Estas instalacións municipais presentaban un estado de conservación pésimo, xa que teñen varias décadas de antigüidade e ata o de agora nunca se realizaran traballos de mellora. Digna Rivas salienta que se trata dunhas obras “moi necesarias” para os preto de 300 rapaces e rapazas que utilizan estas instalacións “e que merecen uns vestiarios modernos, dignos e que cumpran coas súas necesidades”.
A reforma incluirá todos os vestiarios, aseos e lavabos, a sala de fisioterapia, zona da lavandaría, sala de caldeira, local social e almacén. Instalarase un novo pavimento, tamén novas xanelas e portas que permitirán un illamento óptimo, renovarase toda a instalación de fontanaría e impermeabilizarase a cuberta para evitar filtracións.
Aposta pola eficiencia enerxética
O proxecto de reforma inclúe a substitución de toda a iluminación dos campos de fútbol e as pistas de tenis anexas por tecnoloxía LED máis eficiente. Isto vai permitir unha importante redución no consumo eléctrico cun aforro de máis de 30.000 euros anuais. A alcaldesa explica que este proxecto vai na liña da estratexia do Concello, que aposta pola eficiencia enerxética, un plan que xa se vén aplicando nos últimos anos. En 2024 renovouse o sistema de iluminación nos cinco pavillóns municipais, cun aforro medio de 15.000 euros ao ano na factura eléctrica grazas á iluminación LED.
O proxecto de reforma no Campo de Fútbol de Santa Mariña está valorado en 249.386 euros, e finánciase co II Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.