Concello de Redondela

Rivas presenta o novo Museo Municipal que acollerá a obra de Ángel Barros

A alcaldesa e o edil de Urbanismo explicaron o proxecto á asociación que divulga a obra de Ángel Barros

– O Concello de Redondela conta xa co proxecto do novo Museo Municipal que ocupará o espazo das antigas casas dos mestres. O edificio, con 740 metros cadrados repartidos en tres plantas, terá salas de exposicións e aulas polivalentes. Será un edificio totalmente accesible e coa mellor cualificación en eficiencia enerxética.
– A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, reuníronse coa asociación que divulga a obra de Ángel Barros para amosarlles o proxecto. As obras comezarán este ano cun investimento de 1.167.000 euros. O museo ocupará un lugar “privilexiado” na avda. Mendiño que será “totalmente reformada”.

O Concello de Redondela conta xa co proxecto definitivo para a construción do novo Museo Municipal que albergará, entre outras obras, a colección do artista local Ángel Barros. Esta agardada instalacións está incluída no PAI (Plan de Acción Integral) e conta con financiamento de Fondos Europeos. O novo edificio ocupará o espazo das coñecidas como “vivendas dos mentres”, na avenida Mendiño. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, reuníronse con membros da asociación que divulga a obra do pintor redondelán para amosarlles o proxecto. Malia que estaba prevista a participación do propio Ángel Barros, finalmente non puido participar na reunión por motivos de saúde.“Para nós era moi importante compartir con eles este proxecto e que coñeceran de primeira man como vai ser o futuro museo”, afirma Rivas.

A alcaldesa explicou que o edificio terá tres plantas, cun total de 740 metros cadrados con varias salas de exposicións. A instalación terá aulas polivalentes nas que poderán realizarse obradoiros, proxeccións ou charlas “que poderán ser utilizadas tamén polos centros de ensino e terán un uso didáctico”.A obra de Ángel Barros ocupará un lugar destacado no museo, na planta principal do edificio. A cuberta exterior do edificio será “moderna e funcional”. Optimizarase a súa eficiencia enerxética con melloras en illamento, impermeabilización, sistema de climatización e novas instalacións eléctricas e de iluminación. A actuación contou coas achegas recollidas no proceso de participación cidadá da Axenda Urbana. Rivas amosouse “moi satisfeita” por facer realidade este museo “tan longamente reivindicado pola cidadanía”. A licitación das obras está pendente dos trámites administrativos e as obras comezarán este ano. Noemí Moreira, secretaria da asociación, valorou moi positivamente esta nova e agradeceu que o Concello “faga realidade este museo para Redondela e para a obra de Barros”.

Museo Municipal na renovada Avenida Mendiño

Rivas salientou que o novo museo ocupará un lugar destacado na avda Mendiño, unha estrada que se vai humanizar e transformar totalmente con nova pavimentación, mobiliario urbano e zonas verdes. “Queremos unha avenida á altura do que merecen os veciños e veciñas de Redondela nesta contorna dos colexios, institutos, instalacións deportivas e centro de saúde”, explica Rivas. “O novo Museo Municipal será, sen dúbida, un gran espazo público para a cultura e o ensino aberto a toda a cidadanía”, conclúe a alcaldesa.

Compartir