Concello de Redondela

O Concello amplía o programa de baile “Redondela con ritmo” tras o éxito da primeira edición

Unha das sesións de baile celebrada na edición anterior

– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que esta iniciativa reforza a aposta polo envellecemento activo e a convivencia nas parroquias. Estas actividades, con música en directo, melloran a saúde física e emocional a través do baile.
– A programación de 2026 estenderase durante os meses de marzo e abril con sete sesións de baile e música en directo de balde. Será nas parroquias de Cesantes, Chapela, Vilar, Cedeira, Negros, Ventosela e Cabeiro. A cita será os sábados ás 22.00 horas.

Logo do éxito da primeira edición de “Redondela con Ritmo”, o Concello de Redondela dá continuidade a esta actividade e anuncia unha nova programación para 2026. Tras a excelente acollida acadada o ano pasado, o goberno local decidiu ampliar o número de sesións e parroquias participantes para levar a música en directo e o baile a máis centros culturais e sociais.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto á concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Iria Vilaboa, presentaron este calendario que busca “ofrecer alternativas de lecer saudable e fomentar a socialización entre a veciñanza”. Rivas subliñou que os maiores son “unha prioridade absoluta” para o Concello, e que estas políticas están deseñadas especificamente para acadar un “envellecemento activo, mellorando a saúde física e emocional a través do baile”.

Pola súa banda, Iria Vilaboa destacou que os beneficios desta actividade son múltiples: “Desde o aspecto sociocognitivo ata o físico, o baile permite descubrir formas enriquecedoras de relacionarse cos demais”. Todas as sesións serán con entrada gratuíta e celebraranse os sábados ás 22:00 horas.

O primeiro será o 7 de marzo no CCD Cesantes, e seguirán o 14 de marzo no CC Cidadelle, 21 de marzo no CC Vilar de Infesta, 28 de marzo no CSCR Cedeira, 11 de abril no CC Sto. Estevo de Negros, 18 de abril no CCS Miñoteira (Ventosela) e o 25 de abril no CCR Cabeiro.

As actuacións correrán a cargo de grupos da bisbarra como Armonía, Azabache, Marcela Canela, Tic Tac e Sabrosito, “poñendo en valor o talento dos artistas locais”. Nas sesións ofrecerán un repertorio variado, desde ritmos latinos ata os clásicos pasodobres, garantindo noites de diversión e convivencia no corazón das parroquias redondelás”, conclúe Rivas.

Imaxes dalgunhas sesións de “Redondela con Ritmo” da pasada edición.

 

 

Compartir