Concello de Redondela

O Concello inviste preto de 48.000 € no paseo da Portela para garantir a seguridade peonil

– A actuación centrarase na rehabilitación integral de catro zonas críticas que presentan deterioración estrutural. Os traballos inclúen a substitución de taboleiros, o reforzo de pilotes e a limpeza a presión para evitar esvaróns na senda de madeira.
– A alcaldesa Digna Rivas destaca que esta actuación “responde á prioridade do Goberno local de manter os espazos públicos en condicións óptimas para o desfrute da veciñanza”.

O Concello de Redondela adxudicou as obras de mantemento correctivo e reparación do Paseo da Portela, unha infraestrutura clave que conecta o centro urbano co barrio da Portela a través dun carreiro peonil de 1,5 quilómetros que discorre pola desembocadura do río Alvedosa. A intervención, que conta cun investimento de 47.843,4 euros, realízase tras unha exhaustiva inspección técnica na que se revisou todo o paseo. A estrutura presenta desgaste de diversos elementos de madeira debido á exposición constante á humidade e ao paso do tempo. O obxectivo prioritario é eliminar os riscos de seguridade e devolverlle á pasarela a súa plena funcionalidade. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que os informes técnicos identificaron catro tramos “onde a estrutura se viu comprometida pola degradación de pilotes e deformacións nos taboleiros”. De mon corrixirse estes problemas “ poderían afectar á estabilidade da pasarela”.

Para solucionalo, o proxecto contempla traballos de reforzo estrutural, coa reparación de pilotes e zapatas para asegurar a base do paseo. Reporanse os elementos danados, coa substitución de taboleiros, pontóns e varandas respectando o deseño orixinal. Unha das fases fundamentais será o lavado a presión tanto dos tramos novos como dos reutilizados para eliminar o barro e a materia orgánica acumulada, “evitando así que a superficie se volva esvaradía”.

Rivas salienta que esta actuación enmárcase dentro dun plan de mantemento que busca “preservar un espazo moi querido e utilizado polas veciñas e veciños para o paseo e o lecer”. A alcaldesa subliñou a importancia desta obra dentro da folla de ruta do seu equipo: “a seguridade das persoas que utilizan os nosos espazos públicos é innegociable. O Paseo da Portela é un dos camiños máis queridos e transitados de Redondela, e con este investimento non só aseguramos a súa estabilidade estrutural, senón que reafirmamos o noso compromiso coa mellora continua do noso entorno e a calidade de vida da veciñanza”. As obras executaranse seguindo unha orde lóxica de intervención para minimizar as molestias aos usuarios e usuarias, garantindo en todo momento o cumprimento da normativa de accesibilidade e seguridade peonil.

Compartir