Concello de Redondela

O Concello adianta a planificación do verán co contrato de limpeza de praias

– O Goberno local anticípase ao verán para garantir que os areais estean en perfectas condicións. O servizo de limpeza comezará o 15 de xuño e rematará o 15 de setembro. O contrato, reservado a empresas de inserción laboral, ascende a 140.000 euros e promove o emprego parra persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia de ter os deberes feitos antes da temporada alta: “Facemos un esforzo administrativo importante para que todo estea operativo a mediados de xuño, e que a veciñanza e os visitantes poidan gozar das nosas praias nas mellores condicións e con total seguridade”.

O Concello de Redondela pon a punto do seu litoral coa formalización, neste mes de abril, do contrato para a limpeza de praias. A adxudicación prodúcese con moita anticipación, froito do esforzo do Goberno local por adiantarse á tempada alta e asegurar unha xestión eficiente do mantemento ambiental e turístico. O contrato, que ascende a 140.460 euros, realízase cun centro especial de emprego de Iniciativa Social. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que deste xeito o Concello “promove a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social”. Rivas lembra que o seu goberno implementou esta medida en 2022 “para favorecer unha contratación pública inclusiva”.

O operativo de limpeza estará plenamente operativo dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro. Durante estes tres meses, os areais da Punta, Arealonga e os Penedos contarán cun servizo de limpeza diaria. Os traballos non se limitarán á area, senón que inclúen os paseos de Cesantes e Cardona, así como accesos, aparcadoiros, zonas verdes e áreas de xogos. Seguindo o modelo de xestión do ano pasado, o Concello mantén o reforzo noutros areais: en Soutoxuste e Rande a limpeza realizarase tres días á semana, e na praia de Cabanas, Trasmañó, será dous días por semana. O concelleiro responsable, Vicente Lamas, subliñou que todas as actuacións se realizarán baixo criterios ambientais: “A limpeza faise respectando a fauna e flora da contorna” e a retirada de algas e restos vexetais será manual e conforme á normativa vixente.

Rivas, destacou a importancia de ter os deberes feitos antes do verán: “Facemos un esforzo administrativo para que todo estea operativo a mediados de xuño. Adiantándonos á tempada alta buscamos que veciñanza e visitantes poidan gozar das nosas praias nas mellores condicións posibles e con total seguridade”. De forma paralela, informou que o contrato para o servizo de socorrismo  formalizarase nos vindeiros días e estará operativo do 15 de xuño ao 15 de setembro nas praias de Arealonga e Cesantes.

Compartir