Skip to main content

Concello de Redondela

A declaración de San Simón como Lugar de Memoria Democrática pon fin á desprotección das illas

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, o secretario de Estado, Fernando Martínez, a alcaldesa Digna Rivas, a comisonada Carmina Gustrán e o subdelegado Abel Losada, nun acto na illa en 2025.

– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosa a súa “máxima satisfacción” por un recoñecemento histórico que garante a reparación e a dignidade das vítimas do franquismo. “Este fito referenda o traballo realizado desde a Concellería de Memoria Democrática de Redondela e dos colectivos memorialistas”, sinala Rivas.
– O Concello sinala que esta declaración porá fin á desprotección actual das illas. Rivas advirte que a Xunta de Galicia nunca aplicou criterios para protexer o arquipélago, “o que abriu as portas a eventos totalmente alleos ao respecto histórico que merecen este enclave e as vítimas que por alí pasaron”.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou hoxe oficialmente o recoñecemento das illas de San Simón e San Antón como Lugar de Memoria Democrática. Esta declaración atende de forma definitiva a petición cursada polo Concello de Redondela e os diferentes colectivos memorialistas para protexer un espazo que funcionou como colonia penitenciaria e campo de concentración, converténdose nun dos escenarios de maior crueldade da ditadura franquista en Galicia.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, expresou a súa profunda satisfacción tras facerse oficial a publicación: “Hoxe é un gran día para todos e todas, e para min especialmente como alcaldesa. Quero agradecer ao Goberno central que atendera a petición do Concello e dos colectivos memorialistas para protexer a illa de San Simón”. Rivas subliñou que este recoñecemento estatal supón “un gran cambio en canto aos usos e a protección das illas, que agora teñen formalmente unha función didáctica, conmemorativa e de homenaxe ás vítimas. Para a rexedora local, a clave reside na “reparación, que para min é fundamental, porque é a nosa obriga devolverlle a dignidade ás vítimas”.

O Ministerio comprométese tamén a desenvolver un completo traballo de documentación e contidos audiovisuais para poñer en valor o pasado das illas. “É fundamental que se coñeza esa realidade, sobre todo que a mocidade saiba o que acontecía durante o franquismo”, sinalou Digna Rivas sobre a proxección pedagóxica da medida.

Novo Plan de Usos para poñer fin á desprotección

O Concello sinala que este paso firme dado polo Goberno central porá fin á desprotección actual das illas. Rivas advirte que a Xunta de Galicia non aplica criterios memorialistas para protexer o arquipélago, “o que abriu as portas a eventos totalmente alleos ao respecto histórico do enclave”. Así mesmo, Rivas lembra que a Xunta eliminou en 2013 a Fundación Illa de San Simón, órgano no que o Concello tiña representación directa. Sinalatamén a alcaldesa que a Xunta rexeitou todas as peticións do Concello para recuperar dita Fundación, “deixando á veciñanza de Redondela fóra de calquera decisión sobre as illas”.

A nova protección estatal vén poñer fin a este baleiro mediante a posta en marcha dun Plan de Usos de obrigado cumprimento para o arquipélago. A partir de hoxe, todos os actos e actividades que se celebren no espazo de San Simón deberán ser estritamente compatibles coa preservación da memoria, o recoñecemento e a reparación moral das persoas represaliadas, impedindo así que se repita a arbitrariedade consentida a nivel autonómico.

Redondela, pioneira na xestión da memoria

Esta declaración oficial do Estado reforza de maneira institucional a estratexia política que o Concello leva anos desenvolvendo. O municipio foi pioneiro ao crear a Concellería de Memoria Democrática, un departamento específico que traballa de forma transversal e continua na investigación histórica, a divulgación pedagóxica e o recoñecemento institucional de todas as persoas represaliadas polo réxime franquista na vila.

Homenaxe á solidariedade e ao tecido memorialista

Na súa intervención, Digna Rivas quixo lembrar que a historia de San Simón non só está ligada á dor, senón tamén á solidariedade exemplar do municipio: “En Redondela sabemos ben do sufrimento que se viviu nesa illa, onde só había fame, enfermidades, malos tratos e morte. Pero tamén sabemos da xenerosidade dos veciños e veciñas de Cesantes e doutros lugares do municipio. Especialmente das mulleres, as madriñas, que se arriscaban e compartían o pouco que tiñan para axudar aos presos con comida e roupa limpa”.

A alcaldesa concluíu reafirmando o compromiso municipal con este legado: “Os presos, as súas familias, e esa gran rede de solidariedade que se creou ao redor deles merecen que os honremos. Desde Redondela levamos anos facéndoo. Agora o Estado fai oficial este recoñecemento, e eu non podo estar máis satisfeita”.

Finalmente, a rexedora expresou un recoñecemento moi especial ao tecido asociativo: “Quero agradecer de corazón o traballo da Iniciativa Galega pola Memoria, colectivos memorialistas e en especial ao Colectivo Republicano de Redondela. Levan anos loitando pola dignidade das persoas represaliadas e por este recoñecemento das illas, e este éxito histórico é, sobre todo, grazas a eles”.

Compartir