Drag Kim Miller coa fantasía “Aplaudide á Raíña” gañadora do 1º premio. Foto: Miguel Núñez/Metropolitano.gal
– O Concello destaca a alta participación e o ambiente festivo cun multitudinario concerto de Ráfaga e milleiros de persoas ateigando os recintos habilitados. A Gala Drag de Redondela consolídase como un dos grandes atractivos do evento, con nove participantes que encheron o escenario de fantasía e espectáculo.
O Concello de Redondela fai un balance “moi positivo” da celebración do Entroido de Verán, unha das citas máis multitudinarias e senlleiras do calendario estival da bisbarra. A xornada saldouse cunha afluencia masiva de veciños e visitantes con máis de 40.000 persoas que encheron as rúas de cor, música e disfraces nun ambiente festivo. Os diferentes espazos habilitados na da vila ateigáronse de participantes tanto nas actividades para o público infantil e familiar como nos concertos e a Gala Drag.
Desde o Concello destacaron o gran traballo organizativo que permitiu que a celebración transcorrese sen incidentes de gravidade, grazas tamén ao amplo dispositivo de seguridade e limpeza coordinado para a ocasión. Os concertos, as actividades infantís e as sesións de djs espalladas polas distintas prazas da vila mantiveron o ritmo durante toda a xornada, cumprindo con creces as expectativas hostaleiras e comerciais.
Fantasía e espectáculo na Gala Drag
O momento máis espectacular da noite volveu ser, un ano máis, a Gala Drag de Redondela. O escenario principal vibrou co talento, as coreografías e o deseño das nove participantes, que volveron demostrar por que este certame se converteu nun referente indispensable en toda Galicia. A gala contou por segundo ano consecutivo co actor e showman Carlos Veleiro como mestre de cerimonias, e Carolina Smith como artista convidada.
O xurado premiou a orixinalidade e creatividade na escolla das propostas gañadoras con 2.000 euros en premios. Os primeiro foi para a Drag Kim Miller coa fantasía “Aplaudide á Raíña” con 1.000 euros, o segundo recaeu en Drag Ketty Ponn con 500 euros, o terceiro premio foi para Drag Ketty Pinn, con 300 euros, e o cuarto posto recoñeceu o talento do grupo Drag Trío “As Marinitas” , con 200 euros.
Dende a Concello subliñouse que o nivel artístico da Gala Drag “supera as expectativas ano tras ano, consolidando a Redondela como un espazo de liberdade, diversidade e apostas culturais de vangarda que atraen a miles de persoas”.
O Concello quere agradecer publicamente o traballo do persoal municipal, Policía Local, Nacional, Garda Civil e Protección Civil, así como ao persoal sanitario a súa labor nesta gran celebración. Lembrar tamén que nas oficinas da Policía Local depositáronse numerosos obxectos perdidos, entre eles carteiras, documentación e teléfonos.


