– As actuacións, que xa están contratadas, centraranse no Camiño do Casal e na Estrada da Quintana. Os proxectos inclúen a renovación integral do firme e a mellora das redes de recollida de augas pluviais. A superficie total de pavimento que se renovará entre os dous camiños suma 5.672 metros cadrados.
– A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo inicio inminente destes traballos e suliñou que “estas obras no rural son unha prioridade absoluta para este Goberno co fin de equiparar as condicións de vida, mobilidade e servizos de todas as parroquias”.
Redondela, 25 de agosto de 2026. O Concello de Redondela segue a impulsar a renovación e modernización dos viarios públicos no rural coa adxudicación das obras de pavimentación e mellora de servizos en dous camiños da parroquia de Reboreda: o Camiño do Casal e a Estrada da Quintana. O investimento total destas melloras ascende a 185.864,55 euros.
A actuación de maior orzamento executarase no Camiño do Casal, no barrio de Asnelle de Abaixo, cun custo de 143.756 euros. Pola súa banda, a intervención na Estrada da Quintana conta cunha partida adxudicada de 42.108 euros. Ambas as dúas obras buscan corrixir os danos estruturais derivados do uso e do clima, incrementando notablemente a seguridade de peóns e condutores. Ambas obras realizaranse con cargo ás arcas municipais dentro do plan de investimento nas parroquias que conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo inicio inminente destes traballos e suliñou que “estas obras no rural son unha prioridade absoluta para este Goberno co fin de equiparar as condicións de vida, mobilidade e servizos de todas as parroquias”. A rexedora local fixo fincapé en que “manter os camiños interiores en condicións óptimas de seguridade e accesibilidade é fundamental para fixar poboación e garantir o benestar diario da veciñanza”.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explicou os detalles técnicos das intervencións, destacando que non se trata de simples parches no firme. “No Camiño do Casal actuaremos sobre unha lonxitude de 660 metros, incluíndo unha nova rede de recollida de augas pluviais de 420 metros e a ampliación do viario nun treito en curva grazas á construción de muros de contención de granito“, sinalou Villar. O proxecto deste camiño vai renovar 3.672 metros cadrados de superficie.
Respecto á Estrada da Quintana, Villar detallou que os traballos “afectarán a un tramo de 400 metros de lonxitude, dende o número 102 ata o encontro co Camiño Poza do Monico”. Alí estenderase unha nova capa de rodaxe. Tamén se tapará a cuneta existente con tubaxe de PVC e instalaranse novos treitos de drenaxe.
Ambos os responsables municipais lembraron que un firme seguro e un sistema de drenaxe eficiente evitan o deterioro acelerado dos viarios públicos e prevén asolagamentos nas propiedades lindeiras. Os traballos en Reboreda coordinaranse para minimizar, na medida do posible, as molestias no tráfico da parroquia durante o tempo que estean en marcha.