Digna Rivas e Antonio Cabaleiro na presentación coa presidenta co CAR, Ana Romasanta, e os atletas Andrés Corugeira e Gael Couñago.
– Centos de deportistas de todas as idades daranse cita o sábado 12 de setembro en Redondela coa VI Carreira Popular Infantil e a V Contrarreloxo por equipos. As dúas probas, organizadas polo Concello en colaboración co club de atletismo CAR, comezan a partir das 18.00 horas coa proba infantil e ás 20.00 coa contrarreloxo.
– Tanto o Concello como o club animan á cidadanía de todas as idades a sumarse a este evento para gozar dunha xornada de deporte e convivencia. As inscricións están abertas ata o día 9 de setembro as 20:00 horas e realízanse a través de Cronotec.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, presentaron esta cita deportiva que coincide co 14º aniversario do CAR. Por parte do club participaron a presidenta, Ana Romasanta. E os atletas do CAR Andrés Corugeira e Gael Couñago. Tanto desde o Concello como desde o club animan aos amantes do atletismo de todas as idades a sumarse a este evento para gozar dunha xornada de deporte e convivencia.
Esta edición da Carreira Popular Infantil está dirixida a nenos e nenas nados entre 2011 e 2024. A rapazada terá que percorrer diferentes distancias segundo as súas idades. Así, a distancia da carreira será para os máis pequenos de 100 metros até os 1.500 metros para os maiores. Tamén se celebra unha Carreira Inclusiva, con categoría única, para persoas con diversidade funcional, sen distinción de idade. As probas comezarán a partir das 18.00 horas na rúa Alfonso XII. A meta estará situada na mesma rúa, fronte á Casa do Concello. Nestas carreiras a inscrición é de balde. A oito días de que peche o prezo xa hai case un cento de participantes.
A Carreira Contrarreloxo por Equipos comezará ás 20.00 horas. Os equipos deberán estar formadas por entre 4 e 6 compoñentes. No caso dos equipos mixtos deberán ser do outro xénero un mínimo de 2 compoñentes. O percorrido terá unha distancia de 5.000 metros que comezará no centro da vila e rematará diante do Concello, onde estará situada a meta. A inscrición inclúe os gastos de xestión e o prezo é de 8,50 euros. O prazo de inscrición con prezo reducido ampliouse ata o venres 4 de setembro, cun custe de 6,50 euros.
INSCRICIÓNS EN CRONOTEC
Establécense premios para os tres primeiros equipos clasificados en cada unha das categorías. O primeiro recibirá unha cesta de produtos gourmet galegos valorada en 150 € e un premio económico de 100 €. O segundo equipo levará unha cesta valorada en 100 € e un vale de 60 € para material deportivo. O terceiro clasificado recibirá unha cesta de produtos gourmet valorada en 75 € e un vale de 40 € para material deportivo.
O evento conta co patrocinio de Rodavigo, Aqualia, Grupo Lirón, Decoraciones Barciela, Talleres Ponteseca, Edusportia e Grupo Damm.
