Imaxe dun dos roteiros anteriores.
– A primeira saída será este venres, 4 de setembro, co itinerario sobre a ‘Flora e Fauna de Cabeiro’. As actividades deste mes inclúen paseos nocturnos, rutas fluviais, e observación de aves, entre outras alternativas.
-Os concelleiros Rita Pérez e Roberto Villar convidan á veciñanza a participar nestas actividades “para coñecer o noso patrimonio e comprender o valor da nosa historia e riqueza natural”.
O Concello de Redondela presenta o calendario de “Roteiros Ambientais e Culturais” para o mes de setembro. Esta iniciativa, coordinada conxuntamente polas áreas de Turismo e Cultura e de Infraestruturas e Sostibilidade, ten como obxectivo dinamizar o turismo de proximidade e concienciar sobre o valor ecolóxico, histórico e paisaxístico do municipio. Todas as experiencias son guiadas e gratuítas, agás a ruta en kaiak, que conta cun prezo reducido.
O programa arrinca este mesmo venres, 4 de setembro, cunha andaina centrada na Flora e Fauna de Cabeiro, que se desenvolverá polos Montes de Cabeiro en horario de 19:00 a 21:00 horas. Esta será a primeira dunha serie de propostas deseñadas para conectar co territorio e descubrir de preto a riqueza natural local.
A concelleira de Turismo e Cultura, Rita Pérez, destacou a importancia de abrir estas actividades tanto á veciñanza coma aos visitantes: “Queremos que Redondela sexa un referente de turismo cultural e de experiencias. Este programa permite poñer en valor o noso patrimonio inmaterial, as nosas lendas e historia, combinando o lecer cunha aprendizaxe activa e accesible para todos os públicos”. Pola súa banda, o edil de Sostibilidade, Roberto Villar, puxo o foco no respecto polo medio ambiente e o descubrimento dos ecosistemas locais: “Estes roteiros son unha ferramenta perfecta para concienciar sobre a protección da nosa biodiversidade. Desde os paseos fluviais ata a observación de aves buscamos que a xente sinta o orgullo de coidar a nosa contorna natural, cun modelo de lecer sostible e saudable”. As seguintes saídas son:
• Sábado 5: Paseo nocturno “O Río Maceiras” (21:00 – 23:00 h). De balde.
• Domingo 6: Ruta ambiental “O Bosque do Río Fondón” (10:00 – 13:00 h). De balde.
• Domingo 6: Kaiak turístico á Portela (10:30 – 12:30 h). Prezo de 20 € por persoa.
• Sábado 12: Paseo nocturno “A Punta de Cesantes” (20:30 – 23:00 h). De balde.
• Domingo 13: Ruta ambiental “O Río Pexegueiro” (Ruta curta, 10:00 – 13:00 h). De balde.
• Venres 18: Observación de Aves Limícolas, na Senda da Portela (16:00 – 18:00 h). De balde.
• Domingo 27: Ruta ambiental “Os Montes de Ventosela” (17:30 – 20:30 h). De balde.
Información e reservas. Reserva previa na Oficina de Turismo, rúa Isidoro Queimaliños, no teléfono 986 401 713 ou enviando un correo electrónico a turismo@redondela.gal.
