Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello destina 94.000 euros en axudas para centros culturais, veciñais e Anpas

A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira Iria Vilaboa con representantes de centros culturais nunha imaxe de arquivo.

– O Goberno local ten abertas tres liñas de subvencións de xeito simultáneo: dúas dirixidas ao tecido asociativo cultural e parroquial e a terceira destinada a sufragar comedores escolares e actividades extraescolares das ANPAS.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor o esforzo económico que realiza o Concello con este paquete de axudas. “Os centros culturais e as asociacións veciñais son o verdadeiro motor social das nosas parroquias, e as ANPAS exercen un papel educativo e de conciliación imprescindible no día a día das familias, polo que temos a obriga de apoialos”.

O Concello de Redondela, a través das áreas de Participación Cidadá e Ensino, unifica as súas liñas de apoio ao tecido social, veciñal e educativo do municipio con tres convocatorias de axudas públicas para o ano 2026. En total, a administración local inxecta un crédito global de 94.000 euros co obxectivo de sufragar os gastos correntes de locais parroquiais, financiar proxectos de dinamización veciñal e colaborar cos servizos de conciliación que xestionan as ANPAS.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo poñer en valor o esforzo económico que realiza o Concello con este paquete de axudas. “Os centros culturais e asociacións veciñais son o verdadeiro motor social das nosas parroquias, e as ANPAS exercen un papel educativo e de conciliación imprescindible no día a día das familias”, manifestou a rexedora. Rivas afirma que “dende as institucións públicas temos a obriga de apoialos con recursos directos para que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade”.

As subvencións para o mantemento de Centros Culturais Parroquiais conta cun crédito de 40.000 euros. Está deseñado para apoiar aos centros comunitarios sen ánimo de lucro no pago dos recibos gastos correntes como electricidade, auga, gasóleo, alugueres ou e seguros do edificio. O importe máximo por entidade poderá acadar os 3.500 euros. Entres centros tamén optan ás axudas de Dinamización e Actividades Veciñais. Esta convocatoria dispón de 24.000 euros para asociacións de veciños, centros sociais e federacións veciñais que realicen actividades sociais durante o ano 2026.

No caso das ANPAS a subvención vai destinada ao sostemento de comedores escolares a actividades extraescolares. Esta liña está dotada de 30.000 euros. Os beneficiarios directos son as Asociacións de Nais e Pais que xestionan os comedores escolares de centros de ensino público. A subvención cofinanciará tamen o desenvolvemento de ata un máximo de dúas actividades extraescolares.

As solicitudes para estas tres liñas deben xestionarse de xeito obrigatorio por vía electrónica a través da Sede Electrónica do Concello de Redondela (https://redondela.sedelectronica.gal). No caso das axudas para centros culturais e asociacións veciñais o prazo remata o 28 de setembro. Para a subvención ás ANPAS a data límite é o 1 de outubro.

Compartir