Concello de Redondela

A reforma do aparcadoiro superior do Piñeiral mellora a mobilidade e a seguridade dos peóns

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade rematou as obras de reforma e reorganización do aparcadoiro superior do Multiúsos do Piñeiral do Crego. Os traballos consistiron na mellora do firme, a instalación de barreiras para evitar colisións e a reforma da rampla de acceso ao edificio Multiúsos. Tamén se delimitou unha zona de acceso con paso de cebra para facilitar o tránsito de peóns de xeito seguro. O concelleiro responsable dos traballos, Roberto Villar, visitou esta mañá a zona acondicionada coa tenente de alcaldesa Rita Pérez.

Villar explicou a obra de reforma permitiu unha ordenación das prazas de aparcadoiro máis eficiente ao tempo que mellora a mobilidade e a seguridade dos peóns “nun entorno moi transitado tanto por nenos e nenas, como maiores e persoas con mobilidade reducida”. Mantéñense o mesmo número de prazas de aparcadoiro, con dúas de uso exclusivo para persoas con mobilidade reducida.

O edil salienta que os traballos realizáronse con materiais sostibles, xa que o firme dos aparcadoiros é de xabre compactado, en lugar de formigón, “o que o fai máis ecolóxico e ademais facilita a drenaxe da auga”.

A obra, moi demandada pola veciñanza, colectivos e usuarios destas instalacións municipais, realizouse a conta dos orzamentos participativos da parroquia de Chapela, logo de ser solicitado polo Consello Parroquial. O Multiusos do Piñeiral do Crego é unha instalación con moito tránsito de veciños e veciños, xa que alberga a Biblioteca Xela Arias, locais de asociacións e colectivos, cursos e obradoiros ao longo de todo o ano, ademais das actividades que se realizan no auditorio.

Compartir