Concello de Redondela

A reforma integral da estrada de Porto Cabeiro comezará antes do verán

– O 16 de marzo remata o prazo para que as empresas construtoras que o desexen se presenten ao concurso de licitación pública aberto polo Concello de Redondela. A actuación contempla a mellora da seguridade viaria na estrada de Porto Cabeiro cunha nova calzada e beirarrúas. Os traballos licitaranse por un importe superior aos 530.000 euros e as obras comezarán no segundo trimestre deste ano.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que esta humanización ten un dobre obxectivo, “por unha banda ordenar os espazos dando prioridade ao peón, cun acceso máis seguro para o colexio, e por outra renovar os servizos urbanos que se atopan en mal estado”. O acceso ao CEIP Porto Cabeiro completarase cunha nova área de convivencia no entorno do colexio con case 3.000 m² para os peóns.

O Concello de Redondela avanza nos trámites administrativos para a transformación da estrada de Porto Cabeiro. As empresas construtoras interesadas teñen ata o vindeiro 16 de marzo para presentar as súas propostas ao concurso de licitación pública. Os traballos, cun orzamento superior aos 530.000 euros, comezarán no segundo trimestre deste ano. O proxecto contempla unha reforma integral no tramo comprendido entre a N-555 e o camiño do Campiño, nas inmediacións do CEIP Porto Cabeiro. Inclúe a creación dunha nova calzada de 5,8 metros de ancho e a construción de beirarrúas nunha das marxes, cun ancho variable que oscilará entre os 1,1 metros nos puntos máis estreitos e os 3 metros nas zonas máis amplas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicou que este proxecto enmárcase na mesma liña na que traballa o Concello para crear contornas “máis accesibles e adaptadas ás persoas”. Rivas sinalou que esta humanización persegue un dobre obxectivo estratéxico: “Por unha banda, queremos ordenar os espazos dando prioridade absoluta ao peón, cun acceso moito máis seguro para o colexio; por outra, cómpre renovar os servizos urbanos que actualmente se atopan en mal estado”.

A situación actual da rúa caracterízase por un estado de conservación deficiente debido ao paso do tempo e ás sucesivas reformas parciais. A ausencia case total de beirarrúas, os parches e as intervencións illadas realizadas ao longo dos anos fan recomendable a renovación integral dos acabados. Tamén é necesario renovar a rede de drenaxe.

Tamén se incluirán elementos vexetais ao longo do itinerario. Os traballos licitaranse por un importe superior aos 530.000 euros dentro do plan +Provincia financiado pola Deputación de Pontevedra.

Nova área de convivencia na contorna do CEIP Porto Cabeiro

A humanización da estrada de Porto Cabeiro súmase a outro importante proxecto aprobado polo Concello no mes de febreiro: a transformación da contorna do colexio nunha gran área de convivencia peonil. A veciñanza gañará un espazo de case 3.000 m² para os peóns nos barrios de Porto Cabeiro e A Millarada. A intervención, que conta cun orzamento base de licitación de 401.700 euros e será financiada con fondos propios do Concello. A reforma eliminará o perigo do tráfico pesado e creará un “camiño escolar seguro con plataforma única, zonas verdes e mobiliario urbano”. O obxectivo é “transformar un espazo actualmente dominado polos vehículos nun entorno saudable, inclusivo e, sobre todo, seguro para a infancia”, conclúe Rivas.

Compartir