– As asociacións e colectivos interesados teñen ata o 21 de abril para anotarse no rexistro municipal ou na sede electrónica. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia de manter viva esta herdanza: “Os Maios son moito máis que esculturas vexetais; son resultado do traballo colectivo e a ilusión de moitas xeracións. Convidamos a toda a veciñanza a vivir a festa”.
– O Goberno local mantén a súa aposta pola tradición consolidando as axudas de 200 euros por cada maio participante, ademais de premios en metálico para os tres mellores dotados de 200, 250 e 300 euros en cada unha das catro categorías.
Redondela prepárase para recibir a primavera coa súa emblemática Festa dos Maios, unha das citas máis senlleiras do calendario cultural galego. O Concello vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o concurso de figuras e coplas, convidando a toda a veciñanza, asociacións e colectivos a ser partícipes desta explosión de arte natural e retranca que terá o seu día grande o vindeiro 1 de maio.
Tras o éxito acadado en edicións anteriores, o Concello reafirma o seu apoio a esta tradición mantendo a contía das axudas directas por participación. Así, cada grupo que presente un maio ao concurso recibirá unha subvención de 200 euros, co obxectivo de sufragar os gastos de elaboración e fomentar que ningunha parroquia quede sen representación.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia de manter viva esta herdanza: “Os Maios son moito máis que esculturas vexetais; son o resultado do traballo colectivo e a ilusión de moitas xeracións. Queremos que Redondela siga sendo o referente que é, onde a creatividade dos maios artísticos convive co respecto polos nosos tradicionais conos e cruceiros”. Desde o Concello convídase a todos os colectivos a que se somen a esta festa. O ano pasado superáronse as 20 agrupacións “e este ano o reto é seguir medrando para demostrar que a tradición redondelá ten o futuro asegurado”, concluíu Rivas.
O prazo para formalizar a participación estará aberto ata o vindeiro 21 de abril. As entidades interesadas poden realizar o trámite de xeito presencial no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal.
Categorías e Premios
O certame volverá contar con catro categorías competitivas: Maio Tradicional, Maio Artístico, Copla e Interpretación. Para cada unha delas, establécense premios de 300 euros para o 1º clasificado, 250 euros para o 2º e 200 euros para o 3º. En total, o Concello outorgará 12 premios que recoñecerán tanto a calidade plástica das figuras (feitas con elementos naturais como fentos, flores ou ovos) como o enxeño e a crítica social das coplas cantadas ao ritmo das castañolas.
