Concello de Redondela

Desenvolvimiento Local - Empleo (AEDL)

A área de Desenvolvemento Local do Concello de Redondela encárgase de organizar e promover a estabilidade laboral no traballo e a inserción destas persoas desempregadas do municipio no mercado laboral.

Contacta

Recreación do futuro Viveiro de Empresas de Redondela

– O Consorcio licitará antes do verán o proxecto de rehabilitación da antiga casa de Ponte da Lima que albergará o novo centro empresariaL, iniciativa na que van da man a Zona Franca e o Concello de Redondela. Zona Franca recibiu o informe positivo de Patrimonio da Xunta ao proxecto, que era o trámite que se agardaba para poder avanzar.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que é “unha moi boa nova para o Concello e para toda a cidadanía de Redondela”, porque este proxecto tan importante para a vila está “máis preto de facerse realidade?. Rivas agradeceu ao delegado do Estado na Zona Franca o seu compromiso con Redondela porque este Centro de Negocios e Viveiro de Empresas suporá “un impulso aos novos emprendedores e as pemes”.

A Zona Franca de Vigo sacará a licitación no primeiro semestre deste ano o proxecto de rehabilitación da antiga casa situada na Praza de Ponte da Lima, coñecida popularmente como Praza da Petanca, un inmoble icónico que albergará o futuro Centro de Negocios e Viveiro de Empresas da vila. Zona Franca recibiu o informe positivo de Patrimonio da Xunta de Galicia ao proxecto, que era o trámite que se agardaba para poder avanzar. O espazo, que atenderá os estándares de calidade, sostibilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, será un complexo de emprendemento para dar resposta á demanda do tecido empresarial e facilitará “un maior e mellor servizo ás persoas emprendedoras”.

O CZFV, que asumirá o custo do futuro Centro de Negocios cun investimento estimado de 1,3 millóns de euros, xa solicitou a licenza de obra ao Concello de Redondela e, unha vez obtida, licitará as obras que poderían comezar a final de ano. A redacción do proxecto estivo a cargo da UTE formada por Díaz e Díaz Arquitectos S.L.P. e Castroferro Arquitectos S.C.P. co obxectivo de volver pór en valor unha edificación singular cun marcado carácter representativo dunha época, dotándoa dun novo uso para volver pola no foco de actividade da vila. Contempla que o Centro e Viveiro dispoña, entre outras instalacións, de salas de reunións, salas de usos múltiples para coworkings, ou espazos para contido cultural/expositivo. O delegado do Estado, David Regades, sinalou que “imos en prazo, e unha vez conseguido o visto e prace de Patrimonio ao proxecto básico, temos o camiño aberto”. Lembrou a ampla experiencia de Zona Franca na área de emprendemento “con viveiros, incubadoras e aceleradoras de start-ups que actualmente son referentes en todo o Estado”, e mostrouse optimista “coa gran oportunidade que se lles dá ás persoas emprendedoras e á capacidade de atracción de Redondela como centro empresarial: facilítanselles espazos, apóstase polo seu talento, e serán asesorados por persoal especializado”. O obxectivo é claro, dixo Regades, “seguir impulsando a economía, xerando emprego e incrementando a colaboración público-privada”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que “é unha moi boa nova para ou Concello e para toda a cidadanía de Redondela, porque este proxecto tan importante para a vila está máis preto de facerse realidade”. Rivas agradeceu ao delegado do Estado na Zona Franca o seu compromiso con Redondela porque este Viveiro de Empresas suporá “un impulso aos novos emprendedores e as pemes. En pouco tempo veremos xa a transformación deste edificio tan emblemático”.

Unha vez que finalicen as obras do Centro de Negocios, a Zona Franca seguirá colaborando co Concello na dinamización das instalacións. Será o Concello quen asuma a xestión do Viveiro, de iniciativa e promoción municipal, fixará os criterios de acceso para a selección dos proxectos nos que priorizará as propostas máis innovadoras e as que máis postos de traballo poidan crear, determinará o regulamento de funcionamento ou as tarifas. Encargarase tamén do mantemento do edificio, horarios, servizos ou ingresos, así como do persoal, que dependerá directamente do Consistorio. A Zona Franca tamén disporá dun espazo de atención para as persoas emprendedoras e colaborará na selección das persoas usuarias.

Arquivo: A alcaldesa Digna Rivas e o delegado da Zona Franca David regades na sinatura do convenio entre o Concello e Consorcio

– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o director técnico de Eurored, Javier Blanco, presentaron unha formación pioneira de elaboración e reparación de redes dirixido a mariscadoras locais. Rivas explicou que o obxectivo deste curso é facilitar ás mariscadoras “unha alternativa laboral como complemento ao marisqueo dentro do sector do mar”.
– Blanco sinalou que este curso servirá para xerar emprego cualificado “cunha formación especializada de alto nivel”. No programa participan un total de 12 mariscadoras durante 2 meses con clases teóricas e prácticas nas que coñecerán “o segredos do oficio” que demanda a frota profesional.

O Concello de Redondela, a través da concellería de Igualdade, pon en marcha unha formación pioneira dirixida a mulleres mariscadoras. Trátase dun curso técnico de elaboración e reparación de redes de pesca impartido en colaboración con Grupo Eurored e que comezou a impartirse onte nas instalacións da empresa redondelá. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o obxectivo desta formación técnica é a facilitar ás mariscadoras o acceso a un emprego cualificado. “Desde o Concello facemos un esforzo para dar ás mariscadoras esta oportunidade de formación, xa que o seu traballo é moi estacional, limitado polas vedas e as condicións climáticas”. Esta formación vailles permitir “unha alternativa de emprego real nun dos campos con máis demanda de profesionais dentro do sector do mar”. Javier Blanco, director técnico de Grupo Eurored, é o responsable de impartir a formación. Blanco, con más de 30 anos de experiencia no sector, puxo de relevo que é a primeira vez que a empresa imparte este tipo de cursos, e que a iniciativa xurdiu tras a petición da alcaldesa “para xerar emprego cualificado para as mariscadoras locais cunha formación especializada de alto nivel”. O programa dota ás traballadoras do mar de coñecementos técnicos en montaxe e reparación de artes de cerco, arrastre e artes menores “capacitándoas nunha das disciplinas máis demandadas e con menor substitución do sector náutico-pesqueiro”. A experiencia de Blanco garante que as alumnas non só aprendan a teoría, senón os “segredos do oficio” que demanda a frota profesional.

O temario do curso, de dous meses de duración, abarca desde a utilización de materiais e fibras até o cálculo complexo de montaxes. As alumnas aprenderán competencias claves para a industria actual, tales como o estudo dos diferentes materiais, técnicas de corte e confección, montaxe especializada e mantemento, enfocado na reparación de avarías en redes usadas para prolongar a súa vida útil. Para Grupo Eurored esta colaboración é unha oportunidade para fortalecer o tecido laboral local, pondo os seus recursos ao servizo dunha formación que garante que o traballo artesanal evolucione cara a unha profesión técnica cualificada e estable.

Ana Belén Sotelino, unha das mariscadoras que participa no curso de formación, destacou a importancia de contar cunha “capacitación dentro do sector do mar” que lle serva como alternativa laboral, “xa que a situación do marisqueo é cada ano máis complicada polo cambio climático, que provoca unha elevada mortaldade dos bivalvos”. Poder traballar como redeiras será un gran apoio para as familias.

Un total de 12 mariscadoras participan neste curso técnico de formación, que terá unha duración de 2 meses, e está financiado pola concellería de Igualdade do Concello de Redondela cun orzamento de máis de 13.000 euros.

Na presentación do curso Rivas e Blanco estiveron acompañados pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, o concelleiro de Medio Ambiente e Emprego, Alberto Álvarez e as responsables de Recursos Humanos, Prevención de Riscos e Formación de Grupo Eurored, Maryta Lazarte e Rosa Soliño.

A alcaldesa aproveitou a visita á factoría redondelá para agradecer a Grupo Eurered a súa colaboración na decoración da carpa da Festa do Choco de Redondela, na que participan cada ano desinteresadamente.

– A alcaldesa animou aos participantes do XIII Programa Integrado de Emprego de Redondela a aproveitar a formación que lles ofrece este plan dun ano de duración. Digna Rivas Rivas destacou os bos resultados acadados no programa de emprego do ano pasado, no que 85 persoas conseguiron un contrato de traballo.
– No programa, cun ano de duración, participan cen veciños e veciñas de Redondela desempregados que reciben formación, orientación laboral, asesoramento na busca de emprego e prácticas en empresas. Hoxe recibiron unha charla da asesora Carol Juárez, experta en emprendemento.

O auditorio da Xunqueira acolleu este mércores a presentación do XIII Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela, no que participan un cento de veciños e veciñas desempregados do municipio. O obxectivo do plan é mellorar a formación destas persoas para que se incorporen ao mercado laboral. A alcaldesa, Digna Rivas, participou no acto xunto ao concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, e a responsable do programa Belén Oblanca.

Entre os cen participantes no Programa Integrado de Emprego hai diferentes perfís de persoas desempregadas: menores de 30 anos, maiores de 52, parados de longa duración, persoas con discapacidade, mulleres e persoas en risco de exclusión social, entre outros.

A rexedora deulles a benvida e felicitounos por formar parte deste programa “porque todos e todas tedes un gran potencial e co voso esforzo e a formación que ides recibir será posible acadar o obxectivo de atopar un emprego”. Rivas recoñeceu que “non será doado”, pero amosouse convencida que “con gañas e esforzo será posible”. Como exemplo a alcaldesa lembrou os datos acadados no programa celebrado o ano pasado, no que “se superou amplamente o obxectivo de inserción laboral”. Foron un total de 85 as persoas que acadaron un contrato de traballo en sectores como a industria da automoción, loxística, servizos e comercio.

Os participantes reciben formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo, orientación laboral e tamén poden realizar prácticas en empresas. As accións teñen sempre en conta as demandas do mercado laboral da comarca, así como as características profesionais dos participantes. O programa deste ano inclúe tamén as tecnoloxías emerxentes e a Intelixencia Artificial, que se empregarán para analizar postos de traballo, buscar ofertas de emprego, crear currículums profesionais ou preparar entrevistas de traballo. O contacto directo co mundo laboral é outra das vantaxes da programación, con visitas guiadas a empresas, xornadas de portas abertas, Masterclass, asistencia a feiras de emprego, etc. Hoxe participaron na charla “Ferramentas de coaching e técnicas motivacionais para a busca de emprego” a cargo da asesora Carol Juárez, experta en emprendemento.

O programa, cun orzamento de 256.000 euros, está financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego do Ministerio de Traballo, co cofinanciamento do Concello de Redondela.

There is no Event

Empleo

Talleres de Emprego

É un programa mixto de formación e emprego, público e gratuíto, promovido polo Concello e cofinanciado pola Xunta de Galicia, dirixido a mellorar a ocupabilidad das persoas desempregadas, en actividades de utilidade pública ou interese social.

As persoas desempregadas participantes nun taller de emprego reciben unha formación suxeita a certificados de profesionalidade combinada coa experiencia laboral realizando unha obra de utilidade pública ou interese social.

Persoas desempregadas e rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia que teñan unha idade igual ou superior aos 18 anos.

Entre seis e nove meses.

As persoas interesadas deben indicalo na súa oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Rede de Técnicos de Emprego

É un servizo público e gratuito de asesoramento e información, subvencionado en parte pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Pretende potenciar as iniciativas empresariais no Concello que orixinen novos postos de traballo.

  • Detección de oportunidades de negocio e investigación das posibilidades de desenvolvemento económico do territorio
  • Asesoramento e apoio para a creación de empresas:
  • Información sobre axudas e liñas de financiamento para os emprendedores.
  • Asesoramento e apoio para a creación de empresas:
    • – Análise da idea inicial e información.
    • – Apoio na elaboración do proxecto empresarial.

Dirixido ás persoas que teñen unha iniciativa empresarial e queren crear unha empresa no Concello

O servizo de asesoramento a emprendedores/as do Concello de Redondela está en funcionamento todo o ano con cita previa.

Redondela Emprega

Bolsa Municipal De Emprego

Para inscricións novas na BOLSA MUNICIPAL DE EMPREGO:

  • Deberán contactar por teléfono 986402664 ou por mail aedl@redondela.gal
  • para concretar a forma de inscrición. Priorizarase a inscrición de forma telemática.

Para actualizacións de cv na BOLSA MUNICIPAL DE EMPREGO:

  • Enviarase o cv actualizado, en pdf, ao mail: aedl@redondela.gal
  • Para outras consultas: 986402664 ( De 9:00 a 14:00 horas)

É un servizo municipal, público e gratuíto de busca activa de emprego.

A.- Para as persoas desempregadas:

  • Rexistro das persoas demandantes na bolsa de emprego, despois de manter unha entrevista na que se detecten as súas condicións de ocupabilidade
  • Información sobre distintos aspectos relacionados co emprego.
  • Tramitación de ofertas de emprego
  • Recollida no taboleiro do servizo de boletins de emprego, convocatórias públicas relacionados con políticas activas de emprego, etc..

 

B.- Para as empresas:

  • Preselección de candidatos/as para ofertas de emprego.
  • Prácticas Formativas: posta a disposición de persoas axustadas ao perfil demandado para a realización de prácticas non laborais na propia empresa, coa posibilidade de que se inserten laboralmente.

Dirixido ás persoas empadroadas que buscan emprego ou queren mellorar a súa situación profesional.

Dirixido ás empresas que buscan candidatos para os seus postos de traballo.

Para inscricións: Solicitarase cita previa, ben presencialmente nas instalacións, ben telefonicamente 986402664 ou por email aedl@redondela.gal

Para modificacións, lunes a viernes de 9:00 a 14:00 horas na oficina ou no enderezo electrónico aedl@redondela.gal

Plan de emprego do Concello de Redondela

É un servizo municipal, público e gratuíto que pon en marcha a Concellería de Desenvolvemento Local do Concello de Redondela subvencionado en parte pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia.

Consiste na selección dun grupo de persoas desempregadas que participarán de forma activa nun proceso de capacitación e busca do seu propio emprego.

O Plan Integrado de Emprego, a través de diferentes medidas, promove a estabilidade laboral no traballo e a inserción das persoas desempregadas do municipio no mercado laboral.

Para esta labor, diferentes áreas traballan dunha forma coordinada e integral.

A.- Para as persoas desempregadas:

Orientación laboral ás persoas usuarias:

  • Atención personalizada.
  • Elaboración da diagnose de ocupabilidade.
  • Deseño de itinerarios personalizados de inserción.
  • Accións grupais de desenvolvemento persoal, novas tecnoloxías da información e comunicación, formación para o emprego e técnicas activas de busca de emprego.
  • Asesoramento e apoio na busca activa de emprego por conta propia e por conta allea

 

Formación:

  • Inserción laboral orientado ás empresas do noso entorno.
  • Coñecemento das necesidades de persoal do tecido empresarial.
  • Axustar a formación das persoas participantes no PER ás necesidades das empresas.
  • Creación dunha rede estable de interrelación entre o concello e as empresas
  • Tramitación de ofertas de emprego
  • Realización de Convenios de Colaboración en prácticas
  • Remisión de autocandidaturas.

 

B.- Para as empresas:

Preselección de candidatos/as para ofertas de emprego.

Formación Específica: accións de formación a medida, negociada directamente coas empresas e financiada polo Plan Integral de Emprego sempre que exista un compromiso de contratación

Prácticas Formativas: posta a disposición de persoas axustadas ao perfil demandado para a realización de prácticas non laborais na propia empresa, coa posibilidade de que se inserten laboralmente.

Información e Asesoramento: apoio e información sobre as subvencións e incentivos á contratación e de todas as medidas de fomento de emprego.

Este plan oriéntase a un grupo de persoas desempregadas que estean dispostas a implicarse dunha forma activa nun proceso de capacitación e busca de emprego derivadas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Este plan oriéntase a un grupo de persoas desempregadas que estean dispostas a implicarse dunha forma activa nun proceso de capacitación e busca de emprego derivadas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

As persoas interesadas deben indicalo na súa oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

De interese...

CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS

AXENCIA DE COLOCACIÓN

FUNDACIÓN DE AMIGOS DE GALICIA

INICIATIVA LOCAL DE EMPREGO SOCIAL

Compartir