Economía
A área de Economía do Concello de Redondela encárgase de controlar e administrar os recursos económicos necesarios para que a empresa poida realizar as accións previstas e con garantías necesarias.
Contacta
- 986 400 300
- info@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Laborales de 9:00 a 14:00 horas
- Noticias
– Os Consellos Parroquiais aprobaron por unanimidade o programa de investimentos para o ano 2026 proposto polo goberno local. O plan destina máis de 2 millóns de euros para a mellora e acondicionamento de 65 camiños municipais nas 13 parroquias. As obras serán financiadas con fondos do remanente de Tesourería de 2025.
– A alcaldesa explica que estas obras responden ás necesidades nos camiños de cada parroquia “para mellora da accesibilidade, seguridade viaria e cohesión territorial”. Digna Rivas sinala que os colectivos das parroquias “son os que valoran as necesidades reais do seu territorio” e os proxectos foron consensuados “segundo as súas demandas e prioridades, co que damos resposta a esas demandas dos Consellos Parroquiais”.
Todos os Consellos Parroquiais do municipio aprobaron por unanimidade un plan de investimentos para o ano 2026 a proposta do goberno local. Ante as necesidades de mellora nalgúns camiños municipais, o plan inclúe unha relación de actuacións a realizar en cada unha das trece parroquias. Os proxectos foron consensuados cos colectivos veciñais e superan os 2 millóns de euros.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que estas obras responden ás necesidades de cada unha das parroquias no que respecta aos camiños municipais “especialmente en materia de accesibilidade, seguridade viaria e cohesión territorial”. Rivas sinala que os colectivos das parroquias “son os que valoran as necesidades reais do seu territorio” e os proxectos foron consensuados “segundo as súas demandas e prioridades, co que damos resposta a esas demandas dos Consellos Parroquiais”. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, sinala tamén que este programa de actuacións “está baseado nas demandas recollidas ao longo dos últimos anos nas sesións de todos os Consellos Parroquiais”.
O plan de mellora, mantemento e acondicionamento dos camiños será financiado con fondos das arcas municipais co remanente de Tesourería de 2025. A proposta será trasladada ao Pleno da Corporación para a súa aprobación.
O programa de investimentos inclúe obras en todas as parroquias, con melloras nun total de 65 camiños municipais. Algunhas das actuacións máis destacadas serán na rúa Estación e a Subida ao Picoto, en Chapela; os camiños da Milixosa e dos Lagos en Cabeiro; os camiño das Telleiras e o Fixón en Vilar; os camiños do Casal e dos Tereixos en Reboreda; a Subida a Trasmañó e o camiño da Cabadesa en Trasmañó; os camiños da Costeira e Verdeal en Quintela; os camiños do Quintán e da Moscalleira en Cedeira; os camiños das Patelas e Miñoteira-Estrada Fontecova en Ventosela; camiños da Furna, Eido de Andrea, Panquente e Fonte do Rial en Cesantes; camiños do Fixón e Caiosa en Negros; camiños da Gándara e Carreira da Lagüiña no Viso; camiños das Pedreiriñas e Casal do Monte en Saxamonde, e Paseo do Pexegueiro (zona Bomboneira) e Esfarrapada en Redondela.
– O pleno aprobou onte o pago de facturas pendentes a provedores locais e pemes por valor de 106,565 euros. A proposta saíu adiante cos votos de PSdG-PSOE, AER e BNG, malia os votos en contra do PP. Trátase de pagos por bens ou servizos prestados en 2024 e que deben aprobarse no pleno.
– A alcaldesa, Digna Rivas, agradece o apoio responsable do BNG para sacar adiante a proposta e que os provedores poidan cobrar. Os fondos sairán das arcas municipais, do remanente de Tesourería, e os pagos comezarán a realizarse en decembro unha vez superados os prazos que marca a lexislación.
O pleno da corporación de Redondela aprobou onte o pago de facturas pendentes correspondentes ao ano 2024 por valor de 106,565 euros. Trátase de facturas de provedores locais e pequenas e medianas empresas, moitas correspondentes aos últimos meses do ano e que non se sufragaron no exercicio correspondente, polo que deben ser aprobadas en pleno. A proposta saíu adiante cos votos do PSdG-PSOE, AER e BNG, e o voto en contra do PP. A alcaldesa, Digna Rivas, agradece o apoio responsable do grupo municipal do BNG para sacar adiante a proposta e que os provedores poidan cobrar.
Os fondos para os pagos destas facturas sairán das arcas municipais, do remanente de Tesourería, que ascende a 4 millóns de euros. Logo de aprobarse onte o gasto no pleno da corporación, os pagos comezarán a realizarse en decembro, unha vez se publique no Boletín Oficial da Provincia e superados os prazos que marca a lexislación.
– A conta xeral do 2024 que abala a boa xestión económica municipal cunha situación financeira “saneada e equilibrada”. O informe acredita que Redondela cumpre coas regras fiscais no exercicio económico 2024 “tanto en estabilidade orzamentaria como na regra de gasto” cun superávit de 1,7 millóns e un remanente líquido de tesourería que supera os 4 millóns de euros.
– Rivas agradece o traballo dos técnicos e técnicas do Concello “polo seu esforzo, rigorosidade e compromiso co servizo público”, e cuestiona a actitude “obstrucionista” dos grupos da oposición, xa que tanto PP como BNG votaron en contra da conta xeral “malia que as contas do Concello están saneadas e todos os informes técnicos son favorables”.
O Concello de Redondela presentou unha conta xeral do 2024 que abala a boa xestión económica municipal. Este documento “técnico, obxectivo e contable” reflicte a boa situación económica do Concello cunhas contas “saneadas e equilibradas”. O informe acredita que Redondela cumpre coas regras fiscais no exercicio económico 2024 “tanto en estabilidade orzamentaria como na regra de gasto”. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que a regra de gasto de 2024 arroxa un saldo positivo superior a 2,6 millóns de euros, o remanente líquido de tesourería supera os 4 millóns e un superávit de 1,7 millóns “o que reflicte unha situación de solvencia, liquidez e boa saúde financeira”. A marxe de cumprimento da regra de gasto é do 12’7%. Rivas sinalou que “desde o equipo de goberno seguimos traballando para poder contar cunhas arcas públicas saneadas, que permitan mellorar os servizos que se prestan aos redondeláns”. A alcaldesa lembra que, cando un Concello pecha as contas con superávit e con liquidez suficiente, isto significa que “non se gasta por riba das posibilidades, cumprimos cos principios de estabilidade financeira e garantimos que os servizos públicos se manteñen e se financian sen riscos”.
Todos os parámetros económicos son positivos. O período medio de pago a provedores rebaixouse a 25 días, o que acredita a solvencia do Concello, que cumpre o seu obxectivo de pagar en tempo e forma a todas as empresas que traballan coa entidade local. Máis aló do cumprimento da lei, o pago das facturas en prazo “favorece o emprego local, xa que os provedores do Concello son na súa maioría pemes ou autónomos”, explica Digna Rivas.
A alcaldesa agradece o traballo dos técnicos e técnicas do Concello “polo seu esforzo, rigorosidade e compromiso co servizo público”.