Servizos Sociais e Benestar Social
A área de Servizos Sociais e Benestar Social do Concello de Redondela encárgase de axudar a aumentar o benestar e mellorar a situación persoal, familiar e social.
Contacta
REDONDELA
CHAPELA
- Novas
- Axenda
- Descargas
– As clases de baile “Ritmo vital”, novidade deste curso, son todo un éxito con 120 participantes en Redondela e Chapela. As aulas de Tai Chi “Equilibrio vital” e “Memoria Viva”, con talleres cognitivos, repiten como en anos anteriores con preto de 400 e 320 alumnos e alumnas respectivamente. Todas as actividades son de balde e realízanse nas diferentes parroquias por parte da concellería de Maiores.
– A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira Iria Vilaboa, visitaron hoxe ao alumnado no primeiro día de clases e comprobaron “o gran éxito destas actividades con máis participantes cada ano”. Rivas lembra que o obxectivo destes programas é “mellorar o estado físico e cognitivo das persoas maiores e favorecer as súas relacións sociais, xa que todo redunda nunha maior calidade de vida”.
Esta semana comezaron os programas para maiores de 55 anos “Ritmo Vital”, con clases de baile, “Equilibrio Vital”, coa práctica de Tai Chi, e “Memoria Viva” con talleres cognitivos. Todas as actividades acadaron un gran éxito de participación. As clases de baile son a novidade deste curso, e súmanse ás clases de Tai Chi e Memoria que se imparten desde hai anos. A modalidade de baile estreouse o pasado verán con clases ao aire libre e tivo unha gran acollida entre o público. “En resposta á demanda dos veciños e veciñas incorporamos o baile tamén ás actividades anuais”, explica a alcaldesa Digna Rivas. O Concello fai así un esforzo “para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”. A rexedora achegouse esta mañá ao pavillón da Marisma onde comezaron as clases de baile para comprobar “o gran éxito que supón esta actividade, cunha excelente resposta por parte das persoas maiores”. Son un total de 120 as veciñas e veciños que participan nesta actividade que se estrea este curso en Redondela e Chapela. No caso do Tai Chi, que comezou esta mañá en Chapela, repite a boa acollida de anos anteriores con 390 participantes entre os pavillóns municipais González Soto e a Marisma, ademais das clases en Saxamonde, Quintela, Cedeira, CCR Chapela, Reboreda, Ventosela-Miñoteira, Saramagoso, Cabeiro, Negros, Cesantes e CC Vilar.
As clases de “Memoria Viva” realízanse en 17 emprazamentos diferentes, con clases en todas as parroquias. Trátase de cursos de estimulación cognitiva para exercitar diferentes áreas cerebrais. O seu obxectivo principal é manter a mente activa, ralentizar o deterioro cognitivo, mellorar a atención e a concentración e fomentar a socialización. Como en anos anteriores conta tamén con moita demanda, con 320 participantes.
Actividades de balde en todas as parroquias
Estas actividades, organizadas pola concellería de Maiores que dirixe Iria Vilaboa, impártense en 16 emprazamentos diferentes por todas as parroquias de Redondela. A alcaldesa sinala a importancia de que estas clases se oferten non só nos núcleos urbanos de Redondela e Chapela, senón tamén nas demais parroquias do municipios “para que todos os veciños e veciñas poidan acceder a estes servizos sen ter que desprazarse”. Todas as actividades son de balde, “para que todas as persoas o que o desexen poida asistir, independentemente da súa situación económica”. A rexedora salientou “a boa acollida destes cursos ano tras ano entre a veciñanza, que son un éxito rotundo”.
A concelleira, Iria Vilaboa, explica que os obradoiros que teñen como obxectivo “previr o deterioro físico e cognitivo das persoas maiores e mellorar a súa calidade de vida”. O número de participantes increméntase cada ano, con máis grupos en todas as parroquias. A valoración que fan os participantes é “moi boa”, xa que estas actividades permítenlles mellorar a nivel físico e mental, e ademais “fomentan as súas relacións sociais e melloran a calidade de vida”.




– A alcaldesa, Digna Rivas, amósase especialmente satisfeita de programas innovadores e pioneiros para apoiar ás persoas máis vulnerables. É o caso do Servizo de “Atención e coidado inmediato” de apoio ás vítimas de violencia machista, o protocolo para protexer ás traballadoras do SAF e o novo servizo de Atención Temperá que será referente comarcal para nenos e nenas con necesidades especiais.
– En canto a proxectos urbanísticos, Rivas destaca a compra de Villa Elisa, un edificio emblemático que acollerá a nova biblioteca municipal. Tamén se realizou o segundo tramo da Vía Verde en Chapela, a reforma no campo de Santa Mariña, o proxecto de reforma integral do camiño Cidadelle e a licitación do proxecto de redacción da avenida Mendiño. Rivas afirma que 2025 foi un ano “moi produtivo, no que o goberno local traballou arreo e os feitos así o demostran”.
O Concello de Redondela pechou o exercicio 2025 cun balance moi positivo con grandes proxectos urbanísticos postos en marcha e novos servizos para a cidadanía, especialmente para a persoas máis vulnerables. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que 2025 foi un ano “moi produtivo” no que o goberno local traballou “arreo” e os feitos así o demostran.
A rexedora amósase especialmente satisfeita de varias actuacións postas en marcha desde o departamento de Servizos Sociais que son “pioneiras”. É o caso do Servizo de “Atención e coidado inmediato” de apoio ás vítimas de violencia machista. Este servizo está dispoñible os 365 días do ano para atender aos fillos e fillas, así como a maiores dependentes que estean a cargo das mulleres. O Concello está a ultimar tamén un acordo para proporcionar un recurso habitacional ás vítimas que se vexan obrigadas a abandonar o seu domicilio.
No Servizo de Atención no Fogar para persoas dependentes, Redondela foi dos primeiros Concellos en asinar cos sindicatos e coa empresa que presta o servizo un protocolo para protexer ás traballadoras. Con este acordo o Concello adiántase á Xunta de Galicia e establecen medidas de prevención e actuación ante situacións de risco para as traballadoras do SAF. Rivas defende a importancia deste protocolo porque as coidadoras que atenden aos usuarios nos domicilios “non poden traballar con medo e teñen dereito a interromper o servizo cando perciban unha situación de risco”.
Na atención á infancia, desde Redondela acadouse a posta en marcha dun novo servizo de Atención Temperá que comezará a funcionar no primeiro trimestre deste ano. O servizo préstase en colaboración cos municipios de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos. A asistencia de Atención Temperá farase en Redondela para a poboación infantil de 0 a 6 anos dos catro municipios. Os nenos e nenas accederán a este recurso mediante derivación do seu pediatra. Rivas explica que o obxectivo principal é ofrecer este recurso “imprescindible” para moitas crianzas e as súas familias, e facelo “de xeito precoz e no seu entorno máis próximo”.
En canto a proxectos urbanísticos, Rivas destaca a compra de Villa Elisa, un edificio emblemático da vila de Redondela que xa é patrimonio público. O inmoble acollerá a nova biblioteca municipal, servizos culturais e un xardín público. No centro da vila transformouse tamén a zona do Salgueiral, onde se mellorou a seguridade para os peóns. Tamén se fixo realidade o segundo tramo da Vía Verde en Chapela, que mellora a mobilidade na parroquia e ofrece novas zonas de descanso e lecer. Nas instalacións deportivas puxéronse en marcha as obras de reforma no campo municipal de Santa Mariña, que estaban obsoletas.
Tamén se remataron importantes proxectos técnicos que se transformarán en grandes obras neste 2026, como o proxecto para a reforma integral do camiño Cidadelle, en Chapela, onde se crearán sete miradoiros con espazos de descanso e de lecer, e a licitación para redactar o proxecto da avenida Mendiño.
A alcaldesa amósase tamén moi satisfeita da creación dunha nova concellería, a de Memoria Democrática, da que ela é responsable. Nesta área trabállase na difusión da historia de San Simón “para frear o discurso da ultradereita que branquea o réxime franquista”. Esta concellería traballa tamén co Ministerio da área ao ser declarada a illa Lugar de Memoria Democrática polo goberno central.
As presentes bases e convocatoria teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para o desenvolvemento de programas de servizos sociais, ás asociacións ou entidades legalmente constituídas que figuren rexistradas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Redondela cuxos fins estatutarios atópense expresamente vinculados á finalidade das presentes bases e convocatoria, que leven a cabo programas no termo municipal de Redondela ou que interveñan coa poboación empadroada no municipio, vinculadas ás seguintes liñas de traballo:
• De prevención da exclusión social ou promoción da inclusión social e accesibilidade.
• De promoción do voluntariado social.
• De atención a infancia en colectivos que traballen con nenos e nenas redondelanos/as.
• De prevención do illamento social das persoas maiores do noso municipio.
• De prevención e promoción de hábitos saudables