Concello de Redondela

Turismo

A Área de Turismo do Concello de Redondela encárgase de ofrecer datos de contacto dos servizos turísticos, brindar recomendacións sobre zonas para visitar, presentar os atractivos do destino, etc.

Contacta

– O Concello de Redondela e Galicia Suroeste inician os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras na contorna da ensenada de San Simón, un dos tesouros naturais de Galicia incluído na Rede Natura 2000. Cun investimento de 18.000 euros financiados ao abeiro do PSTD ‘A Despensa de Galicia’ realizaranse melloras na contorna para protexer e adaptar este espazo ao escenario de cambio climático.

O Concello de Redondela, da man de Galicia Suroeste, pon en marcha unha nova intervención estratéxica para a prevención de danos ao ecosistema dunar do espazo natural protexido da contorna da ensenada de San Simón, grazas á financiación procedente do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos Next Generation da UE. A concelleira de Turismo, Rita Pérez, acompañada polo Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, asistiron onte ao inicio dos traballos de retirada manual de especies exóticas invasoras da zona dunar e supralitoral, unha acción crucial para protexer este enclave único que se realizará entre os meses de novembro e decembro. Coa retirada dos exemplares de Artotheca Calendula preténdese restaurar o equilibrio natural e recuperar a biodiversidade local, xa que a presenza desta especie exótica está xerando unha perda de espazo para as especies nativas e tamén, rompendo a conectividade ecolóxica básica.

Os traballos inclúen tamén a recollida na zona dunar de residuos sólidos urbanos. Este lixo que chega ao areal frea os restos de arribazón de algas e outra materia natural necesaria para nutrir a outras especies. Pérez Táboas explica que con estas intervencións contribúese a restaurar a funcionalidade ecolóxica do espazo e favorécese o uso recreativo, educativo e turístico da contorna. En concreto, con esta actuación, que conta cun investimento de 18.000 euros e que se enmarca na liña de transición verde e ecolóxica do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Galicia Suroeste, perséguese tanto a preservación ambiental coma a posta en valor do patrimonio natural da contorna, impulsando un turismo respectuoso co medio ambiente que garanta un uso sostible e equilibrado dun espazo natural único cun valor ambiental incalculable.

– A XII Conmemoración da Batalla de Rande celebrarase os días 11 de outubro na vila de Redondela cun desfile e o 18 e 19 na contorna do museo Meirande. A cita, que recrea a batalla naval de 1702, contará cun mercado tradicional, obradoiros de oficios antigos, concentración de embarcacións tradicionais e recreacións teatrais.
– A alcaldesa Digna Rivas, veciña da parroquia, agradeceu “o gran traballo da ACD Rande nesta conmemoración xunto coa veciñanza e persoas voluntarias”. Rivas salientou tamén “a excelente posta en escena” da directora teatral Mónica Sueiro, na que participan actores profesionais e unha vintena de veciños e veciñas afeccionados.

Un ano máis Rande revive unha das batallas navais máis importantes da historia, a que enfrontou en 1702 as tropas angloholandesas e hispanofrancesas na ría de Vigo. A XII Conmemoración da Batalla de Rande celebrarase os días 11 de outubro na vila de Redondela e o 18 e 19 en Rande. O exterior do museo Meirande acolleu onte a presentación desta festa, que une cultura, historia e tradición. O presidente da asociación, Pedro Otero, presentou o acto no que participaron Carmen Pita, directora de Promoción de la Axencia de Turismo de Galicia, Jorge Cubela, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, a alcaldesa Digna Rivas, e a concelleira de Cultura Rita Pérez Táboas.

Como alcaldesa e como veciña da parroquia, Rivas, agradeceu “o gran traballo da ACD Rande, que ao longo de todo o ano prepara esta conmemoración xunto coa veciñanza e persoas voluntarias”. Rivas salientou tamén da “excelente posta en escena” da directora teatral Mónica Sueiro, que un ano máis se encarga das representacións con actores profesionais e unha vintena de veciños e veciñas afeccionados.

A rexedora local lembrou que este episodio histórico fixo da nosa ría un lugar coñecido no mundo enteiro, “que lembra a forza, a resistencia e a identidade da xente desta terra”. Esta festa é unha das representacións históricas máis importantes do sur da provincia.

O sábado día 11 celebrarase o desfile polas rúas do centro da vila ás 18.30 da tarde, que rematará na praza da Torre. O día 18 haberá actividades ao longo de todo o día na contorna do museo Meirande con mercado tradicional, obradoiros de oficios como olaría ou acuñado de moedas, concentración de embarcacións tradicionais e representacións teatrais. Sueiro explicou que haberá “petiscos teatrais” fieis á historia da batalla de Rande e que recrearán tamén escenas cotiás da época. O domingo, tamén na contorna do Meirande, repetirase o mercado, os obradoiros e as representacións teatrais, coa última función ás 13.30 horas.

A alcaldesa convidou a toda a xente de Redondela e bisbarra a achegarse a esta celebración, á que o Concello destina este ano unha subvención de 22.000 “o que constata o compromiso do Concello con Rande, coa súa historia e a súa xente”.

 

– A programación dos Roteiros Ambientais e Culturais amplíase ao mes de outubro cun total de sete actividades: actividades de exploración para a rapazada, observación de aves e rutas en caiac, entre outras propostas.

O Concello de Redondela ofrece no mes de outubro un total de sete actividades de turismo ambiental e cultural para público de todas as idades. Logo do éxito da programación de verán, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente continúan con propostas a pé e en caiac que se realizan sempre con guías profesionais. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a «transversalidade» destas actividades “que apostan polo turismo sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sulila que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos e axudar a conservalos”.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

Calendario de actividades:

– Sábado 4 as 17.30-19.30 horas iniciación a observación aves na zona da portela. De balde

– Sábado 4, Paseo nocturno “A Punta de Cesantes-San Simón” 19,30h-22h. De balde

– Domingo 5. Ruta patrimonial “O río Pexegueiro” (ruta longa). De 9,30h a 13h. De balde

– Domingo 12 de tarde orientaventura en cesantes 17.00-19.00. De balde

– Domingo 12. A Vía Verde de Chapela. De 10h a 12,30h. De balde

– Sábado 18  caiac ambiental Portela 11.00-13.30. 20€/persoa

– Domingo 26. Iniciación a observación de aves na zona da portela. De 11 a 13 horas. De balde

Compartir