Concello de Redondela

Urbanismo

A Área de Urbanismo do Concello de Redondela encárgase da actuación urbanística, incluíndo a planificación, as licenzas, as disciplinas urbanísticas, a conservación de edificios, os proxectos e as obras municipais.

Contacta

Recreación do futuro Viveiro de Empresas de Redondela

– O Consorcio licitará antes do verán o proxecto de rehabilitación da antiga casa de Ponte da Lima que albergará o novo centro empresariaL, iniciativa na que van da man a Zona Franca e o Concello de Redondela. Zona Franca recibiu o informe positivo de Patrimonio da Xunta ao proxecto, que era o trámite que se agardaba para poder avanzar.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que é “unha moi boa nova para o Concello e para toda a cidadanía de Redondela”, porque este proxecto tan importante para a vila está “máis preto de facerse realidade?. Rivas agradeceu ao delegado do Estado na Zona Franca o seu compromiso con Redondela porque este Centro de Negocios e Viveiro de Empresas suporá “un impulso aos novos emprendedores e as pemes”.

A Zona Franca de Vigo sacará a licitación no primeiro semestre deste ano o proxecto de rehabilitación da antiga casa situada na Praza de Ponte da Lima, coñecida popularmente como Praza da Petanca, un inmoble icónico que albergará o futuro Centro de Negocios e Viveiro de Empresas da vila. Zona Franca recibiu o informe positivo de Patrimonio da Xunta de Galicia ao proxecto, que era o trámite que se agardaba para poder avanzar. O espazo, que atenderá os estándares de calidade, sostibilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, será un complexo de emprendemento para dar resposta á demanda do tecido empresarial e facilitará “un maior e mellor servizo ás persoas emprendedoras”.

O CZFV, que asumirá o custo do futuro Centro de Negocios cun investimento estimado de 1,3 millóns de euros, xa solicitou a licenza de obra ao Concello de Redondela e, unha vez obtida, licitará as obras que poderían comezar a final de ano. A redacción do proxecto estivo a cargo da UTE formada por Díaz e Díaz Arquitectos S.L.P. e Castroferro Arquitectos S.C.P. co obxectivo de volver pór en valor unha edificación singular cun marcado carácter representativo dunha época, dotándoa dun novo uso para volver pola no foco de actividade da vila. Contempla que o Centro e Viveiro dispoña, entre outras instalacións, de salas de reunións, salas de usos múltiples para coworkings, ou espazos para contido cultural/expositivo. O delegado do Estado, David Regades, sinalou que “imos en prazo, e unha vez conseguido o visto e prace de Patrimonio ao proxecto básico, temos o camiño aberto”. Lembrou a ampla experiencia de Zona Franca na área de emprendemento “con viveiros, incubadoras e aceleradoras de start-ups que actualmente son referentes en todo o Estado”, e mostrouse optimista “coa gran oportunidade que se lles dá ás persoas emprendedoras e á capacidade de atracción de Redondela como centro empresarial: facilítanselles espazos, apóstase polo seu talento, e serán asesorados por persoal especializado”. O obxectivo é claro, dixo Regades, “seguir impulsando a economía, xerando emprego e incrementando a colaboración público-privada”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que “é unha moi boa nova para ou Concello e para toda a cidadanía de Redondela, porque este proxecto tan importante para a vila está máis preto de facerse realidade”. Rivas agradeceu ao delegado do Estado na Zona Franca o seu compromiso con Redondela porque este Viveiro de Empresas suporá “un impulso aos novos emprendedores e as pemes. En pouco tempo veremos xa a transformación deste edificio tan emblemático”.

Unha vez que finalicen as obras do Centro de Negocios, a Zona Franca seguirá colaborando co Concello na dinamización das instalacións. Será o Concello quen asuma a xestión do Viveiro, de iniciativa e promoción municipal, fixará os criterios de acceso para a selección dos proxectos nos que priorizará as propostas máis innovadoras e as que máis postos de traballo poidan crear, determinará o regulamento de funcionamento ou as tarifas. Encargarase tamén do mantemento do edificio, horarios, servizos ou ingresos, así como do persoal, que dependerá directamente do Consistorio. A Zona Franca tamén disporá dun espazo de atención para as persoas emprendedoras e colaborará na selección das persoas usuarias.

Arquivo: A alcaldesa Digna Rivas e o delegado da Zona Franca David regades na sinatura do convenio entre o Concello e Consorcio

Recreación da reforma no entorno do CEIP Porto Cabeiro que se aprobou no pleno de febreiro

– O pleno da corporación aprobou esta semana unha partida de 2,7 millóns para o plan de mellora dos camiños municipais cos votos de PSdG-PSOE, AER e PP, malia o voto en contra do BNG. Tamén saíu adiante por unanimidade a proposta do goberno local para transformar a contorna do CEIP Porto Cabeiro, cun investimento de 401.700 euros, e a reforma do campo municipal da Gándara, no Viso, por importe de 469.000 euros, coa abstención do BNG e o voto favorable do resto dos grupos. O proxecto do novo Museo Municipal destinado a albergar a obra de Ángel Barros non foi aprobado ao votar en contra os grupos municipais de PP e BNG. 

O pleno da corporación aprobou onte tres importantes propostas do goberno local, cun investimento total de 3,6 millóns de euros. O proxecto máis ambicioso é o plan de mellora e renovación de 68 camiños municipais de todas as parroquias, cunha partida de 2.759.339. Este programa de actuación aprobouse cos votos do PSdG-PSOE, AER e PP, malia o voto en contra do BNG. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu o apoio dos populares neste punto, xa que se trata dunha inversión “extraordinaria” que responde ás necesidades de cada unha das parroquias “especialmente en materia de accesibilidade, seguridade viaria e cohesión territorial”. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, lembra que as obras que recolle este plan “foron aprobadas por unanimidade en todos os Consellos Parroquiais e responden as demandas dos propios representantes veciñais”.

Na sesión celebrada na noite do xovesnoite tamén se aprobou, neste caso por unanimidade, a transformación do entorno do CEIP Porto Cabeiro. A reforma deste espazo, de case 3.0000 m² , será unha gran mellora para os barrios de Porto Cabeiro e A Millarada. Rivas explica que o obxectivo prioritario é “transformar un espazo actualmente dominado polos vehículos nun hábitat saudable, inclusivo e, sobre todo, seguro para a infancia”.

A reforma integral do campo de fútbol municipal da Gándara, no Viso, aprobouse cos votos do PSdG-PSOE, AER e PP, e coa abstención do BNG. A remodelación do campo incluirá unha nova base con asfaltado, o cambio do céspede e melloras na drenaxe e o rego. Rivas explica que o proxecto orixinal presentaba “importantes eivas na base do terreo de xogo, que agora deben emendarse”. O investimento , de 469.280 euros, asegura a viabilidade das instalacións cun estado óptimo “tanto agora como no futuro”.

Os votos negativos dos grupos da oposición impediron sacar adiante o proxecto do novo Museo Municipal destinado a albergar a obra de Ángel Barros. Esta agardada instalacións está incluída no PAI (Plan de Acción Integral) e conta con financiamento de Fondos Europeos. O novo edificio está proxectado no espazo das coñecidas como “vivendas dos mentres”, na avenida Mendiño. A rehabilitación do edificio e a súa musealización ascenden a 1.167.000 euros, dos que os Fondos Europeos cobren o 60%, e a cantidade restante, 466.800 euros, deben ser financiados polo Concello. A proposta do goberno local de financiar a obra con fondos do remanente de 2025 foi rexeitada polos grupos do PP e BNG.

O goberno de Rivas presentaba no pleno de febreiro investimentos por un valor superior aos 4 millóns de euros, a financiar con fondos propios procedentes do remanente de Tesourería, que ascende a 5,6 millóns. Finalmente aprobáronse tres das catro propostas, por un importe total de 3.630.319 euros.

– O Concello de Redondela levará ao Pleno desta noite a reforma integral do campo de fútbol da Gándara, no Viso, que incluirá unha nova base con asfaltado de toda a superficie, o cambio do céspede e melloras na drenaxe e o rego. Rivas explica que o proxecto orixinal presentaba “importantes eivas na base do terreo de xogo, que agora deben emendarse”.
-Os informes técnicos alertan de que o desgaste da base e a superficie actual “comprometen a seguridade dos xogadores e xogadoras”. Na sesión plenaria debaterase un investimento de 469.280 euros, a financiar con fondos propios, para asegurar a viabilidade das instalacións cun estado óptimo “tanto agora como no futuro”.

O Concello de Redondela presenta un proxecto para a reforma integral do Campo de Fútbol da Gándara, en Tuimil, na parroquia do Viso. A decisión do goberno local responde á necesidade urxente de intervir nunha instalación que presenta “un avanzado estado de deterioración, malia levar pouco tempo construída”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Segundo os informes técnicos, o terreo de xogo sofre deficiencias significativas tanto no céspede sintético como na súa base estrutural, o que afecta directamente á calidade do xogo e, fundamentalmente, á seguridade das persoas usuarias. Os expertos advirten que o sistema estrutural inferior “xa non garante unha superficie óptima, o que provoca irregularidades no terreo e problemas de drenaxe que aumentan o risco de lesións”.

A actuación proposta polo Concello non será un simple parche, senón unha renovación integral que incluirá a retirada completa da manta actual e da base elástica, a renovación da base con asfaltado de toda a superficie, novo céspede sintético de última xeración e melloras en canaletas, drenaxes, barandas, redes e sistemas de rego. A actuación, orzamentade en 469.280 euros, financiarase con fondos propios do Remanente de Tesouraría, para o que levará á aprobación do pleno ordinario deste mes . Dende o goberno local subliñan que o campo da Gándara “é unha peza esencial” para o tecido social de Redondela, sendo utilizado habitualmente por clubs e escolas deportivas. “Non actuar agora suporía un encarecemento futuro das obras e, o que é máis grave, a posible inutilización da instalación, prexudicando a centos de mozos e mozas”, sinala Rivas.

Rivas explica que o proxecto orixinal, realizado en 2017 polo anterior goberno, presentaba “importantes eivas, sobre todo na base da superficie baixo o terreo de xogo, e agora deben emendarse”. A actuación contratada “non se axustaba ás necesidades do terreo e das condicións meteorolóxicas da zona”. Segundo os técnicos, o material máis axeitado para este tipo de terreo, pola súa climatoloxía, sería unha base de asfalto. Pero o proxecto realizado estableceu que o firme fose de xabre, “o que está a xerar problemas de drenaxe baixo o céspede e provoca graves irregularidades no firme”.

Urbanismo

Planificación e Desenvolvemento Urbano

De interese

TRÁMITES

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

ORDENANZAS E REGULAMENTOS

PXOM

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

SIOTUGA

Compartir