Skip to main content

Concello de Redondela

En marcha a reforma integral da Estrada de Porto Cabeiro

A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro Antonio Cabaleiro visitaron a estrada cos técnicos e responsables da obra antes do comezo dos traballos.

– Os traballos teñen un dobre obxectivo: poñer fin á falta de seguridade peonil coa instalación de beirarrúas e renovar unha vía moi deteriorada. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, visitaron a zona cos responsables dos traballos antes do arranque das obras a vindeira semana.
– A actuación, cun orzamento superior aos 530.000 euros, transformará o treito da estrada que vai desde a N-555 ata o camiño do Campiño, nas inmediacións do CEIP Porto Cabeiro.

O Concello de Redondela dará comezo a vindeira semana ás obras de mellora e humanización da estrada de Porto Cabeiro. Para coordinar o arranque dos traballos, a alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, realizaron unha visita á zona acompañados polos técnicos e os responsables da empresa adxudicataria. A intervención céntrase no tramo comprendido entre a N-555 e o camiño do Campiño, xusto nas inmediacións do CEIP Porto Cabeiro.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que este proxecto segue a liña estratéxica do Goberno local de crear contornas “máis accesibles e adaptadas ás persoas”. Por unha banda, vaise ordenar o espazo dando prioridade ao peón “para garantir un acceso moito máis seguro ao colexio”, e ademais renovaranse por completo os servizos urbanos e a rede de drenaxe, que se atopan nun estado “moi deficiente” pola falta de mantemento de anos anteriores”, sinalou Rivas. Os traballos poñerán fin á actual ausencia de beirarrúas e ao deteriorado firme da vía. A nova estrada disporá dunha calzada de 5,8 metros de ancho con beirarrúas nunha das marxes, e engadiranse elementos vexetais ao longo de todo o itinerario.

Desde o Concello de Redondela pídese comprensión á veciñanza polas molestias estritamente necesarias que poidan causar os traballos durante as vindeiras semanas, cuxo obxectivo final é mellorar a calidade de vida e a seguridade de toda a parroquia. En setembro, cando comece o curso, aplicaranse medidas específicas na organización dos traballos para non interferir no transporte escolar.

O proxecto conta cun investimento que supera os 530.000 euros e está financiado a través do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Compartir