Concello de Redondela

Redondela fala galego as 24 horas “Unha semaniña enteira”

– Centros de ensino, Anpas, clubs deportivos, Lenda, Andaina, comercio e bibliotecas, entre outros colectivos, súmanse ao reto “Unha semaniña enteira” para promover o uso do galego entre a mocidade na semana que celebramos o Día de Rosalía.
– A alcaldesa, Digna Rivas, presentou na Alameda Rosalía de Castro de Chapela esta campaña que contará con teatro, concertos, contacontos e charlas, entre outras actividades para a promoción da lingua.

A Alameda Rosalía de Castro de Chapela acolleu a presentación dos actos vencellados á celebración do Día de Rosalía. Un ano máis ponse en marcha o reto “Unha semaniña enteira”, unha iniciativa impulsada polos institutos de Redondela á cal se suman máis sectores sociais e o Concello de Redondela. Este reto promove o uso do galego oral durante as 24 horas dos sete días esta semana, do 17 ao 23 de febreiro. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que desde o Concello quixeron implicar a distintos sectores e asociacións, clubs deportivos, comercio, etc. Olga Nogueira, profesora de galego no IES Mendiño e responsable da iniciativa, explicou que o reto naceu nos institutos “pola necesidade de fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas”, xa que nos centros constatan que uso da lingua do país cada ano é menor.

A alcaldesa sinalou que nesta ocasión deuse un impulso ao galego no deporte, comezando por unha mobilización completa dos clubs deportivos de Chapela “porque é en Chapela onde se atopa a Alameda Rosalía de Castro” e pediulles que sexan “o exemplo e o modelo a seguir en canto á normalización da lingua galega”. Para arroupar esta campaña o Concello distribuirá 3.000 chapas feitas pola Asociación Lenda de Saúde Mental, colectivo ao que Rivas agradeceu “a súa implicación dende o inicio e o seu compromiso co idioma”.

O Conservatorio Municipal Víctor Ureña organiza para o martes 18, ás 19h, un concerto con repertorio galego para celebrar esta Semaniña Enteira. E o día 28 de febreiro, no auditorio do Piñeiral do Crego, será a Escola de Música de Chapela e a coral Piñeiral do Crego quen ofrecerán tamén un concerto de repertorio galego. As bibliotecas municipais tamén se unen. En Chapela cun proxecto pensado como encontro entre os avós e avoas con nenos e nenas para falar en galego e coñecerse mutuamente. As lecturas de textos de Rosalía e os debuxos das camelias, símbolo da Casa Rosalía, completarán esta actividade. Nas escolas de infantil e primaria terán ao longo da semana un contacontos teatralizado dedicado a Rosalía de Castro: «Historias soñadas» que combina teatro, música e poesía. Por último, o Concello comprometeuse cos institutos a realizar unha actividade para “recompensar” o esforzo do alumnado e profesorado cun concerto na Alameda Castelao, como xa se fixo o ano pasado. Rivas adiantou tamén que se realizará outro concerto aberto a todo o público “que será moi especial” e no que haberá sorpresas.

Rivas agradeceu a implicación de todos os colectivos neste reto: colexios, institutos, Anpas, clubs deportivos, Lenda, Andaina, Conservatorio Municipal, Escola de Música de Chapela, Bibliotecas Municipais, Asociación de Empresarios e ao Comité de Empresa e Xunta de Persoal do Concello de Redondela, entre outros.

Compartir