– A edil que era responsable de Medio Ambiente, Saúde, Maiores e Infancia suliñou que “o meu compromiso coa cidadanía de Redondela sempre foi total, e nestes momentos por motivos de saúde non podo estar o 100% nas miñas responsabilidades, por iso decido dar un paso a un lado”.
– A alcaldesa, Digna Rivas, amosou o seu “máis profundo e sincero agradecemento” a Pilar Martínez e salientou “a súa gran labor no goberno local, o seu compromiso coa sociedade redondelá e a súa paixón polo traballo”. Implicada sempre nas causas sociais e solidarias “a súa traxectoria na política redondelá é un exemplo para todos e todas”, engade Rivas.
A edil do Concello de Redondela Pilar Martínez anunciou hoxe que renuncia á súa acta de concelleira por motivos de saúde. A edil suliñou que “o meu compromiso coa cidadanía de Redondela sempre foi total, e nestes momentos por motivos de saúde non podo estar o 100% nas miñas responsabilidades, por iso decido dar un paso a un lado”. Médico pediatra de profesión, Pilar Martínez formaba parte do goberno local desde xuño de 2023. Deixa en marcha importantes proxectos, como o Consello Municipal de Saúde e o programa de Atención Temperá para a poboación infantil de 0 a 6 anos. Tamén desde a área de Saúde comezou a desenvolver os paseos “eco-saudables e cardio-saudables” en diferentes sendeiros do municipio. “Son proxectos nos que tiña posta moita ilusión e que non me deu tempo de concluír, pero están xa encamiñados e estou segura de que os meus compañeiros e compañeiras van levalos a bo porto”.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosou o seu “máis profundo e sincero agradecemento” á quen ata agora foi responsable de Medio Ambiente, Saúde, Maiores e Infancia. A rexedora local salientou “a gran labor” realizada por Pilar Martínez e destacou dela “o seu compromiso coa sociedade redondelá, a súa paixón polo traballo e a súa vocación de servizo público”. Implicada sempre nas causas sociais e solidarias “a súa traxectoria na política redondelá é un exemplo para todos e todas”, engade Rivas.
No actual mandato, Pilar Martínez foi a responsable de poñer en marcha o Programa Municipal de Voluntariado, que está a participar en diferentes campañas de sensibilización ambiental, promoción de hábitos saudables e actividades con persoas maiores, entre outras cuestións. Como responsable da Saúde, Infancia e Maiores puxo en marcha cursos de Primeiros Auxilios para escolares e para maiores, tamén coa colaboración do voluntariado.
Tamén promoveu desde os colexios a participación dos nenos e nenas en diferentes proxectos dentro das actividades do programa Cidades Amigas da Infancia. En materia de Medio Ambiente puxo en marcha a limpeza e conservación dos areais e súa contorna natural, e realizou actividades de educación ambiental cos escolares, con xornadas de limpeza nos ríos e nas praias.
Froito da renuncia, Alberto Álvarez pasará a substituír a Pilar Martinez na concellería.