Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A nova web e app do Concello de Redondela supera as 8.000 visualizacións dos seus contidos audiovisuais

Iván Valles, concelleiro de Deportes, e Antonio Cabaleiro, concelleiro de Novas Tecnoloxías

– Os vídeos con temáticas de festas e os encontros deportivos son os contidos máis vistos polos usuarios na nova web e app, que é de acceso gratuíto para calquera cidadán. Os clubs deportivos resaltan a calidade das retransmisións, ademais de contribuír a darlles unha maior difusión.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Antonio Cabaleiro, fai un balance positivo dos primeiros meses da aplicación e entende que “todas estas visualizacións confirman que os usuarios están a aproveitar esta nova plataforma dixital para ver os contidos audiovisuais municipais, de festas ou deportivos”.

O edil de Deportes, Iván Valles, pon en valor que esta ferramenta “serve para darlle maior visibilidade aos clubs e tamén aos seus patrocinadores e colaboradores, e fai posible ver eventos deportivos que doutro xeito moita xente non se podería seguir”.

A nova web e a app da Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela, que o Concello puxo recentemente en marcha dentro da iniciativa da EDUSI Redondela 2020, suma xa 8.200 visualizacións dos seus contidos audiovisuais. O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Antonio Cabaleiro, fai un balance positivo dos primeiros meses da aplicación e entende que “todas estas visualizacións confirman que os usuarios están a aproveitar esta nova plataforma dixital para gozar comodamente dende os seus dispositivos móbiles de diferentes contidos audiovisuais municipais, de festas ou deportivos”. Para poder acceder e ver os contidos da plataforma dixital, só é preciso entrar na nova web do Concello ou facelo coa app da tarxeta cidadá, que calquera persoa, empadroada ou non en Redondela, pode solicitar de maneira gratuíta a través da web oficial do Concello (redondela.gal/TarjetaCiudadanaRedondela) ou descargando a nova app para móbiles, con versións para Android e iOS.

Nos seus primeiros meses en funcionamento, entre os contidos máis vistos destacan os relacionados con varias festas locais: a Festa da Coca, a Festa do Choco e a Festa dos Maios. O deporte é tamén un dos contidos máis buscados na app, convertida nunha ferramenta útil para clubs, adestradores, xogadores, patrocinadores, seguidores, familiares, seareiros e toda a cidadanía en xeral. 

Máis difusión e facilidades para seguir o deporte local

Así o confirma Iván Valles, concelleiro de Deportes de Redondela, que subliña que a app fai posible "o acceso á información centralizada sobre o deporte municipal e á información sobre os clubs para que as familias poidan escoller en que modalidade ou club queren inscribir aos seus fillos e fillas; os familiares poden ver os partidos ou actuacións dende a casa e un abano de posibilidades que se fará cada día mais amplo".

Na utilidade e na comodidade que achega ás familias a nova app coincide Pedro Daviña, do Club Casa Paco: "É unha ferramenta que está moi ben para os clubs, xa que permite que as familias dos nenos e das nenas que non poden asistir ao pavillón poidan seguir os partidos. Ademais todos os partidos quedan colgados na canle, e podes velo despois, en calquera momento e dende calquera lugar".

O feito de dar maior visibilidade ao deporte é outro dos grandes obxectivos da app, especialmente neste momento, tal e como explica Iván Valles. "É unha forma de darlle maior visibilidade aos clubs e tamén aos seus patrocinadores e colaboradores, xa que certo tipo de publicidade comeza a estar obsoleto. Ofrece a posibilidade de ver certos eventos deportivos que doutro xeito, por motivos de desprazamento ou de axenda, non se poderían ver. Na mesma liña se manifesta José Manuel Cardoso, do Club Campito FS, para quen “é un xeito de darlle máis difusión ao deporte". Máis alá de incrementar a visibilidade do deporte local, esta app permite aos clubs facer un traballo máis profesionalizado. Jose Manuel Cardoso, comenta que "ademais de poder ver os partidos en directo, quedan colgados na web e poden verse en calquera momento. Para o traballo dos técnicos é tamén positivo, xa que poden analizar despois o encontro e traballar cos seus xogadores os aspectos que vexan necesarios".

Doutra banda, os clubs destacan tamén a calidade das retransmisións. É o caso de Juan Carlos Rodríguez "Rolan", do FS Redondela, para quen "a calidade de retransmisión dos partidos é excelente, e o seguimento do xogo que fai a cámara é moi bo”. A facilidade de uso e conectividade é outra vantaxe que valoran os clubs locais, tal e como nos di Manuel Da Silva, do Balonmán Chapela: "É unha ferramenta moi cómoda para os clubs, porque non se necesita ningún equipo e dende calquera móbil ou tableta podes conectarte". 

Estratexia EDUSI Redondela

A creación e posta en marcha da Tarxeta Cidadá Virtual enmárcase dentro das Liñas de Actuación LA13 "Conectar a Administración co cidadán" e da LA14 "Mellorar os sistemas de goberno" da EDUSI Reondela 2020.

A inversión total que se realizou nesta liña de actuación é de 163.955 €, dos cales 131.164 € proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 32.791 €, son achegados polo Concello de Redondela.

Compartir