As persoas interesadas en participar nos Clubs de Lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela, poden facer a súa inscrición a partir do luns 2 de setembro.
Que é un club de lectura?
Un club de lectura é unha xuntanza periódica onde un grupo de persoas comentan diferentes libros, obras que previamente cada unha delas leu de xeito individual.
Nos nosos clubs (un na biblioteca de Redondela e outro na biblioteca de Chapela) as reunións son mensuais, e lese un libro diferente de cada vez, procurando que as propostas lectoras sexan diversas e variadas.
A conversa varía dunha sesión a outra, pois xira arredor de aspectos moi variados: o estilo literario, a temática da obra, o pensamento do autor ou autora, amén das impresións persoais ou das emocións que o texto evoca nos lectores… todo ten cabida nas parolas dos clubs.
As persoas participantes teñen que ter cumpridos os 18 anos, ter o carné de socias das Bibliotecas Municipais de Redondela, ou ben de calquera outra biblioteca da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, e inscribirse previamente nun dos clubs. En calquera caso, o carné das bibliotecas pode facerse no mesmo momento da inscrición.
Participar é de balde, e as bibliotecas, ademáis, proporcionan os libros para cada sesión.
-As xuntanzas comezarán no mes de outubro:
– Na Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela ➡ o primeiro VENRES de cada mes (*).
📍 Paseo da Xunqueira, S.N., Edificio Multiúsos, 1º andar. Redondela.
📞 986-401-561
📧 bibliotecaredondela@redondela.gal
– Na Biblioteca P. M. Xela Arias de Chapela ➡ o primeiro LUNS de cada mes (*).
📍 R/ Piñeiral, nº22, Edificio Multiúsos, 1º andar. Chapela (Redondela).
📞 986-454-226
📧bibliotecachapela@redondela.gal
(*) No caso de coincidir con festivos ou pontes, as datas modificaranse.