Concello de Redondela

Exposición «Mafalda e os dereitos da Infancia»: unha homenaxe ao 60 aniversario de Mafalda

As BIBLIOTECAS MUNICIPAIS e mais a CONCELLERÍA DE INFANCIA DE REDONDELA presentámosvos unha exposición na que vos animamos a festexar o 60 aniversario de Mafalda e mais o Día Mundial da Infancia.

Mafalda, un dos personaxes máis queridos das bibliotecas, ven de facer 60 anos, e desde as bibliotecas quixemos facerlle un homenaxe.

Esta nena de sona universal, creada polo ilustrador arxentino Quino, trascendeu máis aló da viñeta, da ilustración e mais dos libros de cómic do momento para converterse nun símbolo universal.

Mafalda representa a voz da conciencia social, da denuncia contra as desigualdades e inxustizas, a defensora dos dereitos das persoas e a adaíl da defensa da paz e do ben común.

É por iso que quixemos que para a celebración do 20 de novembro como o Día Mundial da Infancia, que as bibliotecas, en colaboración coa Concellería da Infancia, propuxemos a todos os centros de ensino de Redondela:

– Que representasen a súa versión de Mafalda, clásica ou actualizada cos tempos.
– Que esa representación de Mafalda usara a súa voz para defender os dereitos da Infancia.

O certo é que nos atopamos con que moitos nenos, nenas e adolescentes non coñecían a Mafalda, así que esta proposta serviu para que descubrisen a este personaxe tan importante na historia da viñeta.

O resultado deste traballo podedes velo ata a primeira semana de decembro no recibidor do Multiúsos de Redondela, e xa en decembro, no Multiúsos de Chapela.  En xaneiro, tras a volta ao cole, a exposición percorrerá as instalacións dos centros de ensino participantes.

Desde as bibliotecas queremos dar as grazas aos herdeiros do legado de Joaquín Salvador Lavado (Quino), non só por permitirnos o uso das imaxes de Mafalda, senón polo seu ánimo e entusiasmo para apoiar este proxecto.

Inauguración da exposición no Multiúsos de Redondela

Compartir