A Alameda Castelao acolleu o mércores 23, Día do Libro, a V edición de “Lectura na rúa”, unha iniciativa que xurdiu desde o CEP Santa Mariña en 2017 e na que desde hai anos participan todos os centros de ensino e Centros de Día. Coa apoio e financiamento do Concello de Redondela e a colaboración das Bibliotecas Municipais e a ANPA Ernestina Otero, o evento converteuse nunha gran festa da lectura. Esta mañá ao redor dun milleiro de persoas, entre nenos, nenas e maiores, participaron na edición deste ano que se celebrou coincidindo co Día Internacional do Libro. Foi unha gran festa do libro e a lectura, na que non faltou a poesía, o baile, a música e tampouco “Nana” a protagonista da biblioteca do CEP Santa Mariña.
O espectáculo de Barafunda Animación puxo o ritmo e a diversión a esta xornada, con música e moitas risas. Houbo intercambio de marcadores de libros, lectura compartida e desfiles de contos nunha emotiva xornada na que grandes e pequenos gozaron desta convivencia interxeracional. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, valorou a iniciativa como “todo un éxito” e agradeceu ao CEP Santa Mariña e ao resto de centros a súa implicación. A alcaldesa, Digna Rivas, conversou coa rapazada e os maiores, e afirmou que desde o Concello “estaremos sempre apoiando iniciativas como esta, na que a cidadanía, tanto a infancia como os maiores, son protagonistas”.
O obxectivo deste evento é fomentar a lectura “compartindo a maxia dos libros e da música nunha contorna atractiva e diferente, rodeados de toda a comunidade educativa e da veciñanza da vila”. Participaron 15 centros educativos de Infantil, Primaria e IES de Redondela, ademais de 4 Centros de Día do municipio que gozaron dunha xornada solleira na Alameda Castelao.