Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Paseo da Xunqueira será de uso exclusivo para peóns polas tardes

Rita Pérez Táboas, Roberto Villar, Digna Rivas e Pilar Martínez no tramo da Xunqueira que será peonil polas tardes
-A rúa pecharase á circulación polas tardes, desde as 19.00 horas e ata a medianoite, no tramo comprendido entre a Praza II República e o lateral do Concello. A zona, nas inmediacións da Pista da Xunqueira, é moi frecuentado por familias e nenos e deste xeito mellórase a mobilidade e seguridade dos peóns.
A medida, que é un compromiso do goberno municipal para dar prioridade aos peóns nos lugares onde é posible, afecta a un tramo duns 200 metros no Paseo da Xunqueira e manterase durante o verán.

O Paseo da Xunqueira terá horario limitado para o tráfico rodado a partires de hoxe venres e durante todo o verán. A rúa pecharase á circulación polas tardes, desde as 19.00 horas e ata a medianoite, no tramo comprendido entre a Praza II República e o lateral do Concello. Este espazo duns 200 metros nas inmediacións da Pista da Xunqueira é moi frecuentado por familias e nenos, especialmente durante as competicións deportivas de verán. Rita Pérez Táboas, concelleira de Interior, explica que co peche ao tráfico durante as tardes “facilitamos a mobilidade do numeroso público que se achega a esta zona e melloramos a seguridade dos peóns”. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que esta medida que agora se pon en marcha é un compromiso do goberno municipal “para crer espazos máis amables para a cidadanía, dando prioridade aos peóns nos lugares onde é posible”.

O uso peonil neste tramo do Paseo da Xunqueira en horario de tarde súmase á peonalización da rúa Padre Sarmiento realizada no pasado mes de maio. Con esta limitación parcial ao tráfico o goberno local “continúa coa transformación iniciada no marco da mobilidade sostible e da recuperación de espazos públicos para a cidadanía”. Facer unha vila con menos tráfico nos lugares onde é posible, neste caso nunha franxa horaria concreta, “supón reducir a contaminación e o ruído, o que redunda nunha maior calidade de vida para a veciñanza”, explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar.

Compartir