Concello de Redondela

Redondela pon en marcha o “Servizo de coidado inmediato” para persoas a cargo de vítimas de violencia

A alcaldesa e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, con Alexandra Román, técnica en prevención de violencia

– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata dun servizo para atender ás persoas que estas mulleres teñen ao seu cargo, xa sexan fillos menores ou persoas maiores dependentes. “Prestarase atención e coidado inmediato, un servizo dispoñible as 24 horas, os 365 días do ano, que se prestará cando as mulleres o precisen para facer xestións pola súa situación de vítimas”.
– Este servizo pioneiro busca ofrecer un apoio “integral” ás mulleres vítimas de violencia. Rivas sinala que, malia non ser unha competencia municipal, desde o Concello faise este esforzo para facilitar as xestións que precisen realizar as mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade.

O concello de Redondela, a través da concellería de Igualdade, pon en marcha un servizo de atención 24 horas dirixido a mulleres vítimas de violencia machista. Trátase dun servizo para atender ás persoas que están a cargo destas mulleres, xa sexan menores ou maiores dependentes, cando as vítimas teñan que realizar trámites de denuncia, declaración ou calquera outra xestión derivada da situación de violencia. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata dun servizo “de atención e coidado inmediato, as 24 horas, os 365 días do ano, que se prestará cando as mulleres o precisen para facer xestións pola súa situación de vítimas”. Desde o departamento de Igualade sinalan que non se trata dun recurso de acollemento continuado, senón dun servizo puntual para que as mulleres poidan facer as xestión derivadas da súa situación como vítimas de violencia. Esta prestación inclúe tanto o persoal necesario para os coidados como os recursos materiais que se precisen para cubrir todas as necesidades dos menores ou persoas dependentes a cargo mentres dure o servizo.

Este servizo pioneiro busca ofrecer un apoio “integral” ás mulleres vítimas de violencia. Rivas sinala que, malia non ser unha competencia municipal, desde o Concello faise este esforzo para facilitar as xestións que precisen realizar as mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade. Ademais, desde o Centro de Información á Muller (CIM) de Redondela proporciónase asesoramento xurídico e atención psicolóxica. Tamén se ofrece orientación profesional, información en materia de recursos e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres que o demanden.

Compartir