Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela promove o uso da lingua na infancia co agasallo “Medrando co galego” para o novo alumnado de Infantil

– A caixa de agasallo que reciben as familias inclúe libros, unha bolsiña da merenda, lapis de cores e unha friameira. “Trátase de ofrecer ás familias obxectos útiles, que os nenos e nenas poidan usar na súa vida cotiá con lemas en lingua galega”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

– Entre o material inclúese “A Cápsula do tempo”, un caderno que nenos e nenas irán completando ao longo de todos os cursos e que recibirán cando rematen 6º de primaria “como un recordo do paso pola escola e tamén da súa relación coa lingua galega” sinala Rivas.

A Concellería de Normalización Lingüística está a facer entrega ás familias dos novos alumnos e alumnas de Educación Infantil das caixas de agasallo “Medrando co galego” un proxecto pioneiro que se puxo e marcha hai dous anos para promover o uso do galego na infancia. Esta iniciativa é unha idea orixinal do departamento que dirixe Digna Rivas e que achega aos nenos e nenas libros e contos que fomentan o uso do galego, unha bolsiña da merenda, lapis de cores ou unha friameira. “Trátase de ofrecer ás familias obxectos útiles, que os nenos e nenas poidan usar na súa vida cotiá con lemas en lingua galega”, explica a alcaldesa. Entre o material desta caixa de agasallo está “A Cápsula do tempo”, un caderno que acompañará ao alumnado ao longo de todo o ciclo de ensino Infantil e Primaria. A rapazada irá completando cada curso este caderno, que quedará gardado na escola, e cando rematen 6º de primaria, no acto de despedida entregaráselles a cada un o seu libro “que será un recordo vivo do paso pola escola e tamén da súa relación coa lingua galega” sinala Rivas.

As caixas “Medrando co galego” son o resultado dun traballo colectivo entre o Servizo de Normalización e os equipos de dinamización dos centros escolares públicos de Redondela aos que Rivas “agradece a súa colaboración e participación, así como o interese dos equipos directivos dos distintos colexios que solicitaron participar”.

Dentro dos libros escollidos atópase os contos de Kalandraka cos cales aprenderlles palabras en galego; un libro dirixido aos pais e nais, didáctico, divertido, fácil de ler, no cal a través de 7 anécdotas se tratan cuestións sobre a situación social da lingua galega e os beneficios da educación bilingüe. Rivas engade que “esta iniciativa ten a intención de contrarrestar a perda de galego falantes, unha realidade constatada dende hai anos”.

O galego como patrimonio

Dende o departamento de NL convídase á cidadanía a ser conscientes “do patrimonio inmaterial que posuímos que é único no mundo”. A lingua e a literatura galegas estúdanse en numerosas universidades, dende Estados Unidos até Inglaterra, de Francia a Xapón. Rosalía de Castro é obxecto de teses en distintas linguas. “Todo ese patrimonio é noso, e o seu futuro non depende só das decisións da Administración, senón do conxunto do pobo de Galicia, das institucións e das familias”. Por iso animan ás familias “a marcar o galego nas enquisas lingüísticas dos centros de ensino para que sexa a lingua vehicular nas aulas”.

De cara ao alumnado que comezará en setembro no ciclo de Infantil, desde o Concello xa se fixo entrega das caixas de agasallo ás familias dos colexios CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Cedeira, Porto Cabeiro, Igrexa e Reboreda. En vindeiras datas farase tamén na EEI Marisma, CEIP Outeiro das Penas, EEI San Pedro, EEI Ventosela e os CEIP de Laredo e Quintela.

Compartir