Concello de Redondela

Vicente Lamas entra no goberno local como responsable de Limpeza, Mercados e Parroquias

Na sesión do pleno celebrada onte tomou posesión como membro da corporación Vicente Lamas, en substitución de Iván Valles polo grupo municipal do PSdG PSOE. Lamas, quen xa formara parte do goberno local no anterior mandato, asume as concellerías de Limpeza Viaria, Limpeza de Praias, Mercados e Parroquias. Con este cambio o goberno local reorganiza algunhas das áreas que corresponden aos concelleiros e concelleiras. A alcaldesa, Digna Rivas, sumará a Normalización Lingüística a nova concellería de Memoria Democrática. O edil Alberto Álvarez mantén as áreas de Medio Ambiente, Sanidade, Transición Enerxética e Participación Cidadá, ás que suma as áreas de Emprego e Ensino. Antonio Cabaleiro, responsable de Urbanismo, Patrimonio, Transparencia e Novas Tecnoloxías incorpora a área de Deportes. Pedro Villaverde segue como concelleiro de Parques e Xardíns, Feiras e Limpeza e roza de beiravías. A concelleira Rita Pérez mantén as mesmas competencias con Economía e Facenda, Cultura e Turismo, Persoal, Interior e Seguridade. Iria Vilaboa mantén as concellerías de Servizos Sociais, Igualdade, Benestar Comunitario, Persoas Maiores e Infancia, e engade Xuventude. O concelleiro Roberto Villar, de AER, mantén as mesmas competencias coas áreas de Infraestruturas e Sostibilidade, que inclúen os servizos de vías e obras, alumeado público, abastecemento de auga e saneamento, residuos sólidos urbanos e Rescate e control de especies.

Compartir