Concello de Redondela

O alumnado dos institutos aprende sobre sexualidade e afectividade

– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, estiveron coa rapazada do IES Mendiñoque para presentar a charla da educadora social e axente de Igualdade Lucía Pereda. O obxectivo é formar ao alumnado en educación afectivo-sexual e advertir dos roles e estereotipos erróneos da pornografía.
– “Preocúpanos o consumo de pornografía en idades cada vez máis temperás, e por iso desde o Concello promovemos estas actividades de sensibilización”, sinala a alcaldesa. As charlas realízanse ao longo de todo o curso nos institutos e colexios do municipio e tamén abordan temas como trastornos da conduta alimentaria, que aumentan na infancia e adolescencia.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, estiveron onte no IES Mendiño co alumnado que asistiu ao obradoiro impartido pola educadora e técnica en Igualdade Lucía Pereda. Esta charla “Falemos de sexo” forma parte dun amplo programa de información e sensibilización que realiza desde hai anos a concellería de Igualdade. As actividades, con diferentes formatos, están dirixidas a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato, con contidos adaptados ás idades de cada grupo.

Os estudos revelan que o consumo de pornografía comeza cada vez a idades máis temperás na infancia e na adolescencia. “Son datos que nos preocupan e, malia non ser unha competencia municipal, realizamos desde hai anos estes obradoiros”, explica a alcaldesa. O obxectivo é ofrecer aos rapaces e rapazas “información veraz e unha educación afectivo-sexual adaptada a cada grupo de idade”.

Por experiencia de anos anteriores, a maioría do alumnado considera a pornografía “unha industria coma outra calquera” e que a explotación de mulleres “é unha forma lícita de gañar cartos”. A metade da rapazada pensa tamén que a pornografía é tan só “entretemento” e 3 de cada 10 considérano “unha ferramenta adecuada para explorar a sexualidade tanto propia como da parella”. Os datos fan necesario “seguir traballando co alumnado nas aulas desde unha perspectiva de xénero”, apunta a concelleira Iria Vilaboa.

Nos obradoiros relízanse charlas tamén charlas para o alumnado de Bacharelato sobre plataformas dixitais que promoven “un falso empoderamento da muller e fomentan a violencia sexual”. No caso das actividades en Primaria céntranse sobre todo nos trastornos da conduta alimentaria, cada vez máis frecuentes na infancia e adolescencia “pola presión que exerce a publicidade e as redes sociais na imaxe da rapazada”.

Compartir