– A canle dixital “Redondela Aberta” inaugura o fondo audiovisual do Arquivo Municipal con tres películas de comezo da década dos 70. Os filmes foron cedidos pola familia Cayetano Rodríguez, emigrada na Arxentina, que gravou as escenas nas viaxes á súa vila natal. Os departamentos de Arquivo e Novas Tecnoloxías traballaron conxuntamente e as películas poden visionarse libremente na web do Concello.
– Os vídeos recollen festas e celebracións tanto en Redondela como nas parroquias, a feira con gando, mulleres lavando no río ou trens de mercadorías pasando polo viaduto de Madrid, entre outras imaxes de iconas da vila xa desaparecidas. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a xenerosidade da familia Cayetano “xa que contar con estas imaxes no arquivo municipal é un verdadeiro luxo para o Concello e para a veciñanza”.
O Arquivo Municipal estrea apartado o seu fondo audiovisual na canle dixital “Redondela Aberta”, dentro da web do Concello de Redondela. As primeiras incorporacións son tres películas de comezos da década dos 70 con imaxes da vila, vistas panorámicas, festas, etc. As películas foron dixitalizadas por unha empresa especializada a partir de bobinas de Super8 cedidas pola familia Cayetano Rodríguez. A familia, emigrada á Arxentina, gravou estes filmes en varias viaxes á súa vila natal.
Entre os vídeos podemos ver a Festa da Coca, a Danza das Espadas na que participaban tanto homes como mulleres, a Coca e a procesión. Hai tamén escenas na Alameda, a praza da Alfóndiga e vistas panorámicas dende o viaduto de Madrid. Unha das escenas é sorprendente, xa que polo viaduto está a pasar un tren de mercadorías antes de que quedara en desuso co peche da liña en 1971. Hai tamén vídeos de escenas tradicionais como mulleres lavando no río Alvedosa, mariscadoras na enseada e a feira cando se facía na Xunqueira con venda de gando. Iconas xa desaparecidas como a fábrica de Regojo ou o Cine Coca tamén se recollen nestas películas, así como celebracións nas parroquias: festa da Peneda, festa de Reboreda e comida no prado do Carballo das Cen Pólas, a festa do Carme de Cesantes e a vendima no Viso. Entre as filmacións tamén hai escenas da ría de Vigo, a Illa de Toralla antes da construción do edificio e a partida en barco dende o porto vigués.
O traballo conxunto dos departamentos de Arquivo e Novas Tecnoloxías permite agora difundir estas tres películas para que calquera persoa poida velas libremente a través da web do Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a xenerosidade da familia Cayetano “xa que contar con estas imaxes no arquivo municipal é un verdadeiro luxo para o Concello e para todos os veciños e veciñas, tanto os que viven actualmente en Redondela como os que están fóra”. As irmás Luisa e Natalia Cayetano, que viven agora en Redondela, visitaron o Concello para recoller as películas orixinais. Tamén se lles entregou unha copia dixitalizada dos filmes. Rivas, xunto aos concelleiros de Cultura, Rita Pérez, e de Novas Tecnoloxías, Antonio Cabaleiro, visionaron con elas fragmentos destes vídeos cos que se inaugura o fondo do arquivo audiovisual do Concello. Ata o de agora todos os documentos en custodia do Arquivo Municipal son fotografías. Os vídeos recollidos en “Redondela Aberta” ata o de agora son todos realizados polo propio Concello e de datas recentes.
A alcaldesa animou á veciñanza “a seguir este exemplo e facilitar ao Arquivo municipal imaxes ou vídeos antigos que poidan ter nas súas casas sobre oficios, tradicións ou celebracións para seguir ampliado o fondo audiovisual do Concello”.
Acceso aos vídeos nos seguintes enlaces:
https://www.redondelaberta.gal/videodetail/1619
https://www.redondelaberta.gal/videodetail/1620
https://www.redondelaberta.gal/videodetail/1621
