Concello de Redondela

O Concello acorda coas parroquias un investimento de 2 millóns de euros en camiños municipais

– Os Consellos Parroquiais aprobaron por unanimidade o programa de investimentos para o ano 2026 proposto polo goberno local. O plan destina máis de 2 millóns de euros para a mellora e acondicionamento de 65 camiños municipais nas 13 parroquias. As obras serán financiadas con fondos do remanente de Tesourería de 2025.
– A alcaldesa explica que estas obras responden ás necesidades nos camiños de cada parroquia “para mellora da accesibilidade, seguridade viaria e cohesión territorial”. Digna Rivas sinala que os colectivos das parroquias “son os que valoran as necesidades reais do seu territorio” e os proxectos foron consensuados “segundo as súas demandas e prioridades, co que damos resposta a esas demandas dos Consellos Parroquiais”.

Todos os Consellos Parroquiais do municipio aprobaron por unanimidade un plan de investimentos para o ano 2026 a proposta do goberno local. Ante as necesidades de mellora nalgúns camiños municipais, o plan inclúe unha relación de actuacións a realizar en cada unha das trece parroquias. Os proxectos foron consensuados cos colectivos veciñais e superan os 2 millóns de euros.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que estas obras responden ás necesidades de cada unha das parroquias no que respecta aos camiños municipais “especialmente en materia de accesibilidade, seguridade viaria e cohesión territorial”. Rivas sinala que os colectivos das parroquias “son os que valoran as necesidades reais do seu territorio” e os proxectos foron consensuados “segundo as súas demandas e prioridades, co que damos resposta a esas demandas dos Consellos Parroquiais”. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, sinala tamén que este programa de actuacións “está baseado nas demandas recollidas ao longo dos últimos anos nas sesións de todos os Consellos Parroquiais”.

O plan de mellora, mantemento e acondicionamento dos camiños será financiado con fondos das arcas municipais co remanente de Tesourería de 2025. A proposta será trasladada ao Pleno da Corporación para a súa aprobación.

O programa de investimentos inclúe obras en todas as parroquias, con melloras nun total de 65 camiños municipais. Algunhas das actuacións máis destacadas serán na rúa Estación e a Subida ao Picoto, en Chapela; os camiños da Milixosa e dos Lagos en Cabeiro; os camiño das Telleiras e o Fixón en Vilar; os camiños do Casal e dos Tereixos en Reboreda; a Subida a Trasmañó e o camiño da Cabadesa en Trasmañó; os camiños da Costeira e Verdeal en Quintela; os camiños do Quintán e da Moscalleira en Cedeira; os camiños das Patelas e Miñoteira-Estrada Fontecova en Ventosela; camiños da Furna, Eido de Andrea, Panquente e Fonte do Rial en Cesantes; camiños do Fixón e Caiosa en Negros; camiños da Gándara e Carreira da Lagüiña no Viso; camiños das Pedreiriñas e Casal do Monte en Saxamonde, e Paseo do Pexegueiro (zona Bomboneira) e Esfarrapada en Redondela.

Compartir