Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello celebra o avance na modernización ferroviaria coa electrificación do tramo Redondela-Arcade

– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que os investimentos de Adif na Liñado Miño sitúan ao municipio como un eixo clave do Corredor Atlántico. O plan inclúe o impulso ao novo apeadoiro de Chapela e a transformación da estación de Redondela nun espazo máis moderno e accesible.

– A nova  liña, cun orzamento de 3,4 millóns de euros, completa a electrificación total entre Redondela e Pontevedra. Finalmente, o proxecto integral de Adif tamén abrangue no tramo Redondela-Guillarei a construción dun novo viaduto sobre a N-550 e melloras de seguridade e gálibo en catro túneles, unhas actuacións que cumpren cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O Concello de Redondela amosa a súa satisfacción ante os continuos avances no reforzo da capacidade e fiabilidade da liña convencional Ourense-Vigo. Adif deu o impulso definitivo á renovación da Liña do Miño ao contratar as obras de electrificación do tramo de 5 quilómetros comprendido entre Redondela e Arcade por un importe de 3,4 millóns de euros, o que permitirá completar o trazado eléctrico ata Pontevedra.

Dentro deste paquete global de investimentos para a modernización ferroviaria do municipio, destacan de forma especial as melloras directas nos servizos de viaxeiros de Redondela. Entre elas, a execución do novo apeadoiro de Chapela, que responderá a unha histórica demanda de mobilidade na zona, e a intervención na estación de tren de Redondela. Estes traballos na terminal central están orientados a transformala nun espazo moito máis moderno e adaptado, cun reforzo integral da súa accesibilidade para garantir o tránsito cómodo de todos os usuarios.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, valorou de forma moi positiva este anuncio: “A electrificación total do tramo ata Arcade e a modernización da liña son fitos estratéxicos. Non só estamos a falar de mellorar o transporte de mercadorías, senón de conectar mellor ás nosas veciñas e veciños de xeito rápido, seguro e eficiente”.

A rexedora local fixo especial fincapé nas infraestruturas dedicadas á veciñanza: “A creación do novo apeadoiro de Chapela é unha magnífica nova que mellorará o día a día de moitos usuarios, e súmase á transformación da nosa estación central de Redondela para facela máis moderna e totalmente accesible. Xunto coa renovación en Louredo-Valos, demóstrase que Redondela consolídase no Corredor Atlántico poñendo ás persoas e aos barrios no centro das prioridades”.

Compartir