Concello de Redondela

O Concello de Redondela aproba investimentos por máis de 3,6 millóns de euros

Recreación da reforma no entorno do CEIP Porto Cabeiro que se aprobou no pleno de febreiro

– O pleno da corporación aprobou esta semana unha partida de 2,7 millóns para o plan de mellora dos camiños municipais cos votos de PSdG-PSOE, AER e PP, malia o voto en contra do BNG. Tamén saíu adiante por unanimidade a proposta do goberno local para transformar a contorna do CEIP Porto Cabeiro, cun investimento de 401.700 euros, e a reforma do campo municipal da Gándara, no Viso, por importe de 469.000 euros, coa abstención do BNG e o voto favorable do resto dos grupos. O proxecto do novo Museo Municipal destinado a albergar a obra de Ángel Barros non foi aprobado ao votar en contra os grupos municipais de PP e BNG. 

O pleno da corporación aprobou onte tres importantes propostas do goberno local, cun investimento total de 3,6 millóns de euros. O proxecto máis ambicioso é o plan de mellora e renovación de 68 camiños municipais de todas as parroquias, cunha partida de 2.759.339. Este programa de actuación aprobouse cos votos do PSdG-PSOE, AER e PP, malia o voto en contra do BNG. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu o apoio dos populares neste punto, xa que se trata dunha inversión “extraordinaria” que responde ás necesidades de cada unha das parroquias “especialmente en materia de accesibilidade, seguridade viaria e cohesión territorial”. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, lembra que as obras que recolle este plan “foron aprobadas por unanimidade en todos os Consellos Parroquiais e responden as demandas dos propios representantes veciñais”.

Na sesión celebrada na noite do xovesnoite tamén se aprobou, neste caso por unanimidade, a transformación do entorno do CEIP Porto Cabeiro. A reforma deste espazo, de case 3.0000 m² , será unha gran mellora para os barrios de Porto Cabeiro e A Millarada. Rivas explica que o obxectivo prioritario é “transformar un espazo actualmente dominado polos vehículos nun hábitat saudable, inclusivo e, sobre todo, seguro para a infancia”.

A reforma integral do campo de fútbol municipal da Gándara, no Viso, aprobouse cos votos do PSdG-PSOE, AER e PP, e coa abstención do BNG. A remodelación do campo incluirá unha nova base con asfaltado, o cambio do céspede e melloras na drenaxe e o rego. Rivas explica que o proxecto orixinal presentaba “importantes eivas na base do terreo de xogo, que agora deben emendarse”. O investimento , de 469.280 euros, asegura a viabilidade das instalacións cun estado óptimo “tanto agora como no futuro”.

Os votos negativos dos grupos da oposición impediron sacar adiante o proxecto do novo Museo Municipal destinado a albergar a obra de Ángel Barros. Esta agardada instalacións está incluída no PAI (Plan de Acción Integral) e conta con financiamento de Fondos Europeos. O novo edificio está proxectado no espazo das coñecidas como “vivendas dos mentres”, na avenida Mendiño. A rehabilitación do edificio e a súa musealización ascenden a 1.167.000 euros, dos que os Fondos Europeos cobren o 60%, e a cantidade restante, 466.800 euros, deben ser financiados polo Concello. A proposta do goberno local de financiar a obra con fondos do remanente de 2025 foi rexeitada polos grupos do PP e BNG.

O goberno de Rivas presentaba no pleno de febreiro investimentos por un valor superior aos 4 millóns de euros, a financiar con fondos propios procedentes do remanente de Tesourería, que ascende a 5,6 millóns. Finalmente aprobáronse tres das catro propostas, por un importe total de 3.630.319 euros.

Compartir