Concello de Redondela

O Concello de Redondela e o sector do taxi acordan un servizo 24 horas para todo o municipio

– O colectivo de taxistas garante a cobertura os 365 días do ano. A medida reforza a mobilidade nos centros urbanos de Redondela e Chapela así como nas diferentes parroquias. en todas as parroquias cunha frota total de 56 vehículos. O servizo estará dispoñible as 24 horas no teléfono de Radio Taxi 986 68 68 68. Dende o Concello valorouse moi positivamente a “vontade de diálogo e o esforzo profesional” dos taxistas.
– A alcaldesa, Digna Rivas, salientou que esta colaboración público-privada é “fundamental para garantir un transporte de calidade nun municipio tan disperso como o noso”, lembrando que iniciativas previas como o transporte escolar en taxi xa demostraron o éxito deste modelo de traballo.

O Concello de Redondela e os representantes do sector do taxi veñen de pechar un acordo estratéxico para garantir a plena dispoñibilidade do servizo público de transporte en todo o termo municipal. Grazas a este compromiso o colectivo comprométese a ofrecer servizo as 24 horas do día, os 365 días do ano, atendendo de xeito efectivo tanto os centros urbanos de Redondela e Chapela como as diferentes parroquias. O servizo estará dispoñible no teléfono de Radio Taxi 986 68 68 68.

Este acordo busca dar resposta ás demandas históricas de mobilidade da veciñanza, asegurando que calquera persoa poida dispoñer dun taxi en calquera momento, independentemente do punto do municipio onde se atope. Para acadar este obxectivo, os 56 taxistas que operan no Concello coordinarán as súas quendas para cubrir as franxas nocturnas e os festivos, reforzando así a seguridade e a conectividade local.

Pola súa banda, o Goberno local asumiu o compromiso de levar a pleno a actualización das taxas do servizo. Esta revisión tarifaria é unha das reivindicacións do sector para facer fronte ao incremento do IPC e garantir a viabilidade económica da frota, que non viu actualizados os seus prezos nos últimos anos.

Dende o Concello de Redondela valorouse moi positivamente a “vontade de diálogo e o esforzo profesional” dos 56 taxistas que compoñen o servizo. A alcaldesa, Digna Rivas, salientou que esta colaboración público-privada é “fundamental para garantir un transporte de calidade nun municipio tan disperso como o noso”, lembrando que iniciativas previas como o transporte escolar en taxi para os institutos xa demostraron o éxito deste modelo de traballo. Con esta medida, Redondela sitúase á vangarda na xestión do transporte público local.

Compartir