Os concelleiros Antonio Cabaleiro e Roberto Villar acompañaron á alcaldesa na visita ao inmoble
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinou formalmente a compra de Villa Elisa cos herdeiros da propiedade. O inmoble albergará a nova Biblioteca Municipal para poñer fin “a décadas de limitacións na biblioteca actual”. Agora poranse en marcha os traballos técnicos para a rehabilitación “desde o respecto ao valor patrimonial do inmoble e orientado a unha biblioteca moderna, funcional e pensada para o futuro”.
– Rivas amosouse moi satisfeita con esta adquisición que permite aumentar o patrimonio municipal “cun emblemático edificio histórico no centro da vila para uso de todos os veciños e veciñas de Redondela”. A propiedade conta tamén cunha zona axardinada que se transformará nun novo espazo verde anexo de uso público.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinou formalmente e ante notario a compra de Villa Elisa cos herdeiros do inmoble. O edificio, de estilo indiano, albergará a nova Biblioteca Municipal. Rivas salienta que esta compra é moi beneficiosa para toda a cidadanía, “xa que se trata dun inmoble senlleiro no centro da vila, de gran valor patrimonial e histórico e que será de uso público, cun fin cultural e social”. A alcaldesa amosou unha fonda satisfacción polo alcance deste paso: “Redondela dá hoxe un salto adiante. Por fin adquirimos un edificio á altura da nosa veciñanza, que permitirá ofrecer unha biblioteca moderna, accesible e con espazos reais para estudar, investigar e desfrutar da lectura en condicións dignas.”
A parcela ten uns 3.500 m2, cunha superficie construída de máis de 700 m2. A actual biblioteca Valle Inclán, situada no auditorio da Xunqueira, leva anos con limitacións evidentes: ruídos procedentes das actividades culturais, falta de espazo, imposibilidade de crecer ou de adaptarse ás necesidades de uso que demanda a poboación.
A rexedora anunciou que, a partir de agora, poranse en marcha os traballos técnicos para o proxecto de rehabilitación, que se realizará “desde o respecto ao valor patrimonial do inmoble e orientado a unha biblioteca moderna, funcional e pensada para o futuro”.
A propiedade conta tamén cunha ampla zona axardinada “co que gañaremos un espazo verde anexo, aberto ao público, que será un lugar de convivencia, lecer e tranquilidade no corazón da vila”, explica a alcaldesa.
A compra realizouse integramente con fondos municipais por un importe de 659.000 euros do remanente de tesourería. O pleno da corporación aprobou a adquisición no pasado mes de setembro co apoio dos socios de goberno e o BNG, malia os votos en contra do PP. A alcaldesa reiterou o agradecemento aos nacionalistas polo seu apoio para sacar adiante proposta que cualifica de “investimento estratéxico” para Redondela.
“Esta compra é unha aposta valente por Redondela: unha inversión en cultura, en educación, en cohesión social, na protección do noso patrimonio e, sobre todo, no benestar das persoas”, subliñou a alcaldesa. Rivas sinalou tamén que a adquisición de Villa Elisa contou desde o principio “co respaldo maioritario da veciñanza”.




A transformación do espazo público no corazón da vila
A adquisición de Villa Elisa permitirá transformar un gran espazo no centro da vila, na avenida Ernestina Otero, onde o Concello proxecta tamén a renovación da praza da Ponte da Lima, coñecida tamén como praza “da Petanca”. Este espazo de 2.300 m2 acollerá unha nova área cultural e de lecer cunha praza renovada, auditorio ao aire libre e un ascensor que conectará coa parte alta da rúa Subida á Estación. Estas obras realizaranse a través do Plan Extra da Deputación. O edificio “Granxa da Lima”, adquirido por Zona Franca, será tamén un novo espazo público que acollerá un viveiro de empresas.
