– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o director técnico de Eurored, Javier Blanco, presentaron unha formación pioneira de elaboración e reparación de redes dirixido a mariscadoras locais. Rivas explicou que o obxectivo deste curso é facilitar ás mariscadoras “unha alternativa laboral como complemento ao marisqueo dentro do sector do mar”.
– Blanco sinalou que este curso servirá para xerar emprego cualificado “cunha formación especializada de alto nivel”. No programa participan un total de 12 mariscadoras durante 2 meses con clases teóricas e prácticas nas que coñecerán “o segredos do oficio” que demanda a frota profesional.
O Concello de Redondela, a través da concellería de Igualdade, pon en marcha unha formación pioneira dirixida a mulleres mariscadoras. Trátase dun curso técnico de elaboración e reparación de redes de pesca impartido en colaboración con Grupo Eurored e que comezou a impartirse onte nas instalacións da empresa redondelá. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o obxectivo desta formación técnica é a facilitar ás mariscadoras o acceso a un emprego cualificado. “Desde o Concello facemos un esforzo para dar ás mariscadoras esta oportunidade de formación, xa que o seu traballo é moi estacional, limitado polas vedas e as condicións climáticas”. Esta formación vailles permitir “unha alternativa de emprego real nun dos campos con máis demanda de profesionais dentro do sector do mar”. Javier Blanco, director técnico de Grupo Eurored, é o responsable de impartir a formación. Blanco, con más de 30 anos de experiencia no sector, puxo de relevo que é a primeira vez que a empresa imparte este tipo de cursos, e que a iniciativa xurdiu tras a petición da alcaldesa “para xerar emprego cualificado para as mariscadoras locais cunha formación especializada de alto nivel”. O programa dota ás traballadoras do mar de coñecementos técnicos en montaxe e reparación de artes de cerco, arrastre e artes menores “capacitándoas nunha das disciplinas máis demandadas e con menor substitución do sector náutico-pesqueiro”. A experiencia de Blanco garante que as alumnas non só aprendan a teoría, senón os “segredos do oficio” que demanda a frota profesional.
O temario do curso, de dous meses de duración, abarca desde a utilización de materiais e fibras até o cálculo complexo de montaxes. As alumnas aprenderán competencias claves para a industria actual, tales como o estudo dos diferentes materiais, técnicas de corte e confección, montaxe especializada e mantemento, enfocado na reparación de avarías en redes usadas para prolongar a súa vida útil. Para Grupo Eurored esta colaboración é unha oportunidade para fortalecer o tecido laboral local, pondo os seus recursos ao servizo dunha formación que garante que o traballo artesanal evolucione cara a unha profesión técnica cualificada e estable.
Ana Belén Sotelino, unha das mariscadoras que participa no curso de formación, destacou a importancia de contar cunha “capacitación dentro do sector do mar” que lle serva como alternativa laboral, “xa que a situación do marisqueo é cada ano máis complicada polo cambio climático, que provoca unha elevada mortaldade dos bivalvos”. Poder traballar como redeiras será un gran apoio para as familias.
Un total de 12 mariscadoras participan neste curso técnico de formación, que terá unha duración de 2 meses, e está financiado pola concellería de Igualdade do Concello de Redondela cun orzamento de máis de 13.000 euros.
Na presentación do curso Rivas e Blanco estiveron acompañados pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, o concelleiro de Medio Ambiente e Emprego, Alberto Álvarez e as responsables de Recursos Humanos, Prevención de Riscos e Formación de Grupo Eurored, Maryta Lazarte e Rosa Soliño.
A alcaldesa aproveitou a visita á factoría redondelá para agradecer a Grupo Eurered a súa colaboración na decoración da carpa da Festa do Choco de Redondela, na que participan cada ano desinteresadamente.

