Concello de Redondela

O Concello licita por 877.000 euros a nova praza de Ponte da Lima con ascensor e auditorio ao aire libre

– A actuación vai transformar un espazo de 2.300 metros cadrados no centro da vila. Crearase unha nova área de lecer e convivencia que será un referente urbano coa instalación dun ascensor público e un auditorio ao aire libre na parte traseira da parcela.
– Digna Rivas, explica que este proxecto permite gañar unha moderna zona recreativa coa nova praza “ao tempo que mellorará a conexión entre o centro da vila e a rúa Subida á Estación Vella”. O ascensor urbano permitirá á veciñanza salvar o gran desnivel desde a avda. Ernestina Otero “eliminando barreiras e facilitando os desprazamentos a pé”.
– As obras para a remodelación integral da praza Ponta da Lima licítanse por 877.438 euros. As bases para optar á licitación están publicadas na sede electrónica do Concello e as empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 31 de decembro.

A transformación integral da praza Ponte da Lima, coñecida tamén como praza da Petanca, comezará no primeiro trimestre de 2026. O Concello de Redondela sacou a licitación as obras por un importe de 877.438,37 euros.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que esta actuación vai “revitalizar e renovar un gran espazo para uso da cidadanía que actualmente se utiliza só como zona de paso”. As obras van transformar esta área de 2.300 metros cadrados “nun espazo moderno para a veciñanza con área de lecer e un auditorio ao aire libre na parte posterior da parcela” explica Rivas. A actuación a realizar conservará a árbore existente e tamén a pérgola cunha parra e compatibilizarase coa humanización e naturalización de todo o espazo. Instalaranse novos pavimentos e vexetación, tanto na parte dianteira como no lateral do edificio existente. A praza servirá de antesala ao novo Viveiro de Empresas que ten e marcha Zona Franca. Haberá distintas zonas verdes e unha bancada forrada en madeira. Tamén se engadirán módulos para aparcar bicicletas, papeleiras e nova iluminación con tecnoloxía LED de maior eficiencia enerxética, baixo consumo e gran duración. Rivas visitou o espazo onde se instalarán o auditorio e o ascensor xunto aos concelleiros de Infraestruturas, Roberto Villar, e Urbanismo, Antonio Cabaleiro.

Ascensor urbano de uso público

Un ascensor de aceiro, vidro e aluminio salvará o gran desnivel existente na zona e mellorará a mobilidade dos peóns. O elevador unirá verticalmente a avda Ernestina Otero coa rúa Subida á Estación Vella. Nesta parte están situados servizos como un centro de día, unha escola infantil e un centro de fisioterapia, ademais de moitas vivendas. A alcaldesa explica que “agora é moi complicado acceder a pé a esta zona desde o centro da vila, porque a pendente é moi elevada”. A dificultade é maior aínda para persoas con mobilidade reducida. O ascensor público ofrecerá unha alternativa á veciñanza da zona e usuarios dos servizos existentes para evitar a forte pendente da rúa, resolvendo boa parte dos problemas de accesibilidade aos edificios e equipamentos. Villar lembra que esta era unha demanda das familias con persoas de mobilidade reducida que viven nesa zona.

Auditorio ao aire libre

Na parte posterior da parcela construirase unha bancada aproveitando a pendente natural do terreo para utilizalo como un auditorio ao aire libre. Terá unha capacidade de máis de 200 espectadores e poderá empregarse para eventos e actividades culturais como concertos, recitais, obras de teatro, etc. A bancada será de formigón forrada en madeira e manterase a vexetación con novos arbustos e árbores. Trátase dun espazo que xa se emprega como escenario o Festival Internacional de Títeres.

A actuación foi presentada ao Plan Extra da Deputación e será financiada entre o Concello e o organismo provincial.

Compartir