– A actuación na rúa Manuel Rodríguez Casal, cun orzamento superior aos 663.000 euros, transformará 3.400 m² nunha contorna amable e accesible para a veciñanza e especialmente para o alumnado do CEIP Laredo.
– Digna Rivas: “Queremos que as nenas e nenos recuperen a rúa; este proxecto é un compromiso coa súa autonomía e coa tranquilidade das familias”. A remodelación da rúa reduce a velocidade do tráfico e crea “refuxios climáticos” con vexetación, iluminación eficiente e novo mobiliario urbano.
O Concello de Redondela dá un paso estratéxico na transformación urbana de Chapela coa presentación do proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez Casal e acceso seguro ao CEIP Laredo. Esta intervención, incluída no Plan de Acción Integrado (PAI) da Axenda Urbana, ten como obxectivo principal converter a rúa Manuel Rodríguez Casal nun espazo que favoreza a autonomía dos máis cativos e garanta a seguridade peonil. Trátase dun plan que busca ofrecer “Camiños escolares seguros”.
A actuación abrangue unha superficie aproximada de 3.400 m² cunha plataforma única que contará con medidas específicas para reducir a velocidade do tráfico rodado e dar prioridade aos peóns. Segundo explica a alcaldesa, Digna Rivas, trátase de crear contornas “máis amables para a cidadanía e mellorar a accesibilidade para todos, especialmente para o alumnado do CEIP Laredo e as súas familias”. Rivas destacou o valor social da obra: “Con esta intervención en Chapela o noso obxectivo é que as nenas e nenos recuperen o seu dereito a camiñar sen medo cara ao colexio, fomentando hábitos saudables e devolvéndolle o protagonismo ás persoas fronte aos vehículos”.
Mellora ambiental e refuxios climáticos. Máis aló da seguridade viaria, a obra inclúe un ambicioso proceso de naturalización. A incorporación de vexetación autóctona permitirá mitigar o efecto do cambio climático e favorecer a absorción de CO2, mellorando a integración paisaxística. A instalación de novo mobiliario urbano e iluminación LED eficiente completarán a reforma. “Non só melloramos a comodidade dos camiños escolares, senón que creamos grandes refuxios climáticos públicos que melloran a habitabilidade e a seguridade nocturna”, apunta Rivas.
Un investimento estratéxico con fondos europeos. O orzamento total da intervención ascende a 663.000 para a creación do camiño escolar, a mellora ambiental e mobiliario. Este proxecto nace dun proceso de diálogo con diferentes axentes sociais onde se identificou a perda de autonomía da infancia como un reto urxente a abordar.
A alcaldesa subliñou que esta obra en Chapela servirá como “modelo para futuras intervencións noutros colexios do municipio”. Este é o segundo dos proxectos do Plan de Acción Integral presentado polo Concello despois do Museo Municipal da Avda. Mendiño. Os fondos europeos inclúen tamén outras actuacións estratéxicas como o novo Centro Sociocultural de Chapela, a reforma do Mercado Municipal e a eliminación de barreiras arquitectónicas no casco histórico. “Este non é un proxecto illado, é unha peza clave do noso modelo de vila”, explicou Rivas. “Traballamos para que Redondela sexa un referente de sostibilidade e calidade de vida, captando fondos europeos para facer realidade estas demandas históricas da veciñanza”, conclúe a alcaldesa.
Os fondos FEDER financian o 60% do custe dos traballos e o 40% restante sufrágase con recursos do propio Concello.


