– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que a obra “reafirma o compromiso de situar ás persoas no centro das políticas urbanísticas, recuperando a rúa para o peón”. O proxecto inclúe toda a avenida, e malia que se manterá o estacionamento e a circulación necesaria, o deseño final está pensado para que a veciñanza sexa a protagonista do espazo público, con criterios de accesibilidade universal.
– A actuación transformará por completo esta importante arteria que atravesa o centro da vila. Os traballos contan cun orzamento de 659.157 euros e un prazo de execución de 5 meses. O proxecto técnico xa está rematado e o Goberno local agarda pola confirmación da subvención da Deputación de Pontevedra para iniciar o proceso de licitación das obras.
O Concello de Redondela dá un novo paso na súa estratexia de transformación urbana coa posta en marcha da reforma integral na Avenida Ernestina Otero. O proxecto inclúe a renovación da pavimentación, mellora da accesibilidade, novo mobiliario urbano, iluminación e zonas verdes en todo o trazado, desde o Paseo da Portela ata o Salgueiral. A actuación conta cun investimento de 659.157,13 euros e busca consolidar un modelo de vila máis sostible e habitable.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia estratéxica desta intervención no centro da vila. “Esta obra non é unha actuación illada, senón que forma parte da nosa folla de ruta para facer de Redondela unha vila máis amable e saudable. A nosa prioridade absoluta é o peón; queremos que as nosas veciñas e veciños poidan camiñar con seguridade por espazos públicos de calidade, sen as barreiras que impón o tráfico excesivo”, explicou a rexedora.
Calmado do tráfico e plataforma única. O proxecto céntrase no calmado do tráfico rodado para corrixir as velocidades excesivas detectadas na zona. Para elo, crearanse áreas de convivencia mediante plataforma única en puntos concretos, elevando a calzada ao nivel das beirarrúas e unificando o espazo con pedra natural. Rivas sinalou que “humanizar significa tamén facer que a vila sexa accesible para todos e todas”. Neste sentido, os novos pasos de peóns estarán adaptados á normativa de accesibilidade e reforzaranse para mellorar a visibilidade e a seguridade.
Melloras en iluminación e xestión arbórea. A intervención inclúe un importante salto en eficiencia enerxética coa substitución dos antigos puntos de luz por novas luminarias LED, garantindo unha mellor iluminación e menor consumo. Así mesmo, prestarase especial atención ao patrimonio natural da rúa, reformando os alcorques para protexer o pavimento das raíces e substituíndo os exemplares que se atopen en mal estado.
Aínda que se manterán as bandas de estacionamento e a circulación necesaria, o deseño final está pensado para que o veciño e a veciña sexan os protagonistas do espazo público. “Seguimos traballando para que Redondela deixe de ser un lugar de paso de vehículos e se converta nun espazo de encontro. Con esta obra, Ernestina Otero gañará en calidade urbana e dinamismo comercial, beneficiando directamente a toda a veciñanza”, concluíu a alcaldesa.
O Goberno local xa ten listo o documento técnico e, na actualidade, permanece á espera da confirmación oficial da subvención por parte da Deputación de Pontevedra para iniciar o proceso de licitación das obras. A actuación conta cun orzamento total de 659.157,13 euros e un prazo de execución estimado de cinco meses.
