Concello de Redondela

O Concello proxecta a reforma do pavillón de Reboreda para modernizar as súas instalacións

– O proxecto para a reforma do Pavillón Municipal de Reboreda inclúe a renovación total da pista deportiva, que será de tarima, a reforma dos vestiarios e a mellora da accesibilidade cun novo acceso desde o exterior. A reforma ascende a 388.000 euros e transformará un espazo obsoleto nun complexo deportivo de vangarda.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que o obxectivo é ofrecer á veciñanza unhas instalacións “modernas, eficientes e cómodas”. O pavillón municipal forma parte do día a día da parroquia, xa que é empregado tanto polos clubs locais como polo alumnado do CEIP Reboreda, ao carecer o centro de instalacións deportivas propias.

O Concello de Redondela presenta o proxecto para as obras de reforma e modernización do pavillón municipal de Reboreda por un importe de 388.000 euros. As obras centraranse en tres eixos principais: a renovación da pista deportiva coa instalación de tarima que garanta a seguridade dos deportistas e optimice a práctica das distintas disciplinas; a modernización dos vestiarios cunha reforma integral das zonas de cambio e aseo, mellorando o confort e a eficiencia enerxética; e a mellora da accesibilidade coa creación dunha nova entrada desde o exterior para garantir a mobilidade e mellorar a experiencia do público que acode a presenciar os eventos. Tamén se reformará o almacén para facelo máis operativo e renovarase toda a instalación eléctrica.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que actualmente as instalacións “están deterioradas polo paso do tempo e a pista non reúne boas condicións para a práctica deportiva”. Por outra banda, os vestiarios están “obsoletos” e “non son accesibles para persoas con mobilidade reducida”. Tras a reforma Reboreda contará complexo deportivo “totalmente renovado, eficiente e acorde ás necesidades do século XXI”, afirma Rivas.

O pavillón de Reboreda é unha peza fundamental ns vida da parroquia xa que as súas instalacións son empregadas polos clubs de fútbol sala Casa Paco, Campito e Redondela, ademais de Meigarco. O pavillón municipal é empregado tamén a diario polo alumnado do CEIP de Reboreda para realizar a actividade de Educación Física, ao carecer o centro de instalacións deportivas propias da Consellería de Ensino.

Con este proxecto o Concello reafirma o seu compromiso co deporte base e a educación, asegurando que rapazada e adultos dispoñan de instalacións cómodas e seguras. “Queremos que usuarios e público desfruten dun pavillón funcional, eficiente e moderno para toda a parroquia”, sinalan dende o Concello.

A nova pista de tarima de madeira deportiva instalarase sobre compoñentes elásticos específicos para este tipo de instalacións. Os vestiarios serán totalmente renovados e contarán cunha cabina adaptada para persoas con mobilidade reducida. A mobilidade mellorará cun novo acceso desde o exterior para evitar que o público teña que entrar polo corredor de vestiarios. Nesta nova porta crearase unha pequena rampla para facer a entrada máis accesible. Co obxectivo de mellorar a iluminación e facela máis sostible, o proxecto inclúe a renovación de toda a instalación eléctrica, con novo cableado e iluminación con tecnoloxía LED de baixo consumo. A reforma do pavillón contempla tamén a división do almacén en tres espazos independentes para facelo máis operativo. O proxecto presentouse ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra para acadar o financiamento necesario.

Compartir