Concello de Redondela

O goberno de Rivas propón destinar 2,7 millóns á mellora dos camiños parroquiais

– O obxectivo desta proposta é renovar e pavimentar un total de 68 camiños municipais de todas as parroquias. Trátase dun programa de investimentos que recolle as actuacións “priorizadas e consensuadas nos Consellos Parroquiais polos propios representantes veciñais”. A partida ascende a 2.759.339 euros que se financiarían con fondos propios do Concello.
– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que hai moitos camiños deteriorados “o que supón un problema de seguridade para vehículos e peóns”. O plan de actuación realizado polos técnicos municipais “garante un reparto equilibrado do investimento” e levarase ao pleno ordinario deste mes para a súa aprobación por parte dos grupos da corporación municipal.

O goberno local de Redondela levará ao pleno ordinario deste mes de febreiro un ambicioso plan de investimento nos camiños municipais por importe de 2,7 millóns de euros. A alcaldes, Digna Rivas, lembra que todos os Consellos Parroquiais, onde está representada a cidadanía, aprobaron por unanimidade o programa proposto polo goberno local para este exercicio. O plan, realizado polos servizos técnicos municipais, inclúe a renovación, mellora e acondicionamento de 68 camiños municipais nas 13 parroquias. As obras serán financiadas con fondos propios do Concello do remanente de Tesourería de 2025, que ascende a 5,6 millóns.

Rivas sinala que se trata dunha inversión “extraordinaria” e que as obras responden a melloras necesarias nos camiños en cada unha das parroquias “especialmente en materia de accesibilidade, seguridade viaria e cohesión territorial”. A alcaldesa incide en que son os propios representantes veciñais “os que valoran as necesidades reais do seu territorio” e os proxectos foron consensuados “segundo as súas demandas e prioridades, co que damos resposta ás necesidades que reclaman os Consellos Parroquiais”. O plan de actuación responde a un proceso “real” de participación cidadá, afirma a alcaldesa, o que reforza “a lexitimidade democrática deste programa de investimentos”.

O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, sinala que este programa de actuacións “está baseado nas demandas recollidas ao longo dos últimos anos nas sesións de todos os Consellos Parroquiais”. O programa inclúe actuacións en todas as parroquias, “polo que se garante un reparto equilibrado do investimento”.

Ante a unanimidade dos Consellos Parroquiais para apoiar estas inversións, o goberno local confía en que o Pleno da Corporación “ratifique esta proposta”.

O plan de investimentos recolle obras nun total de 68 camiños municipais. Algunhas das actuacións máis destacadas serán na rúa Estación e a Subida ao Picoto, (Chapela); os camiños da Milixosa e dos Lagos (Cabeiro); os camiño das Telleiras, o Fixón e Chousa ( Vilar); os camiños do Casal, Tereixos e estrada do Abeal (Reboreda); a Subida a Trasmañó, o camiño da Cabadesa, estrada da Lamosa máis camiño Minada (Trasmañó); os camiños Costeira, Verdeal e Fonte da Lama (Quintela); os camiños do Quintán, Moscalleira e Outide de Abaixo (Cedeira); camiños das Patelas e Miñoteira-Estrada Fontecova (Ventosela); camiños da Furna, Eido de Andrea, Panquente, Fonte do Rial e rúa Outeiro das Penas (Cesantes); camiños do Sapal, Fixón e Caiosa ( Negros); estrada da Nogueira, camiños da Gándara e Carreira da Lagüiña (Viso); camiños das Pedreiriñas, Casal do Monte, Souto e Albarroz (Saxamonde) e o Paseo Pexegueiro, Esfarrapada, Pai Crespo e José Regojo (Redondela).

O plan de actuación recolle melloras na accesibilidade, seguridade viaria, a drenaxe e evacuación de augas pluviais, estabilización de noiros e muros e unha maior cohesión territorial.

Compartir