– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o venres 31 de xullo a vila será “un gran escenario ao aire libre co mellor ambiente cultural e festivo”. Rúas e prazas acollerán un completo programa gratuíto con ilusionismo, teatro, acrobacias, música urbana e xogos tradicionais. O Mago Orbit, Lg1do, Pablo Méndez Performance e Tanxarina serán algúns dos protagonistas.
– A xornada complétase un ano máis coa proposta do comercio local. Máis de 40 establecementos abrirán ata a media noite con rebaixas de ata o 70 %, música en directo, sorteos e sorpresas.
O Concello de Redondela presentou a programación do XXVII Festival ‘Artistas de Rúa’, unha gran cita cultural que encherá de maxia os espazos públicos da vila o vindeiro venres 31 de xullo. Esta nova edición compartirá protagonismo coa ‘Aloha! Shopping Night’, unha iniciativa na que 44 establecementos comerciais e hostaleiros abrirán en horario estendido para ofrecer unha experiencia única de lecer e compras. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou o seu orgullo por conseguir unificar un ano máis dúas citas tan potentes no calendario local. “Queremos que Redondela sexa ese venres un gran escenario ao aire libre, cheo de vida e ilusión para as familias, pero tamén un motor de dinamización económica”, sinalou a rexedora. Rivas fixo fincapé na importancia de apoiar ao tecido empresarial da vila: “A nosa hostalaría e o comercio de proximidade son os que dan vida a Redondela todos os días do ano; con esta xornada compartida de actividades creamos o escaparate perfecto para que a xente de fóra nos visite, consuma no noso comercio e descubra todo o que podemos ofrecer nun ambiente inmellorable”.
Gran despregue do XXVII Festival Artistas de Rúa
A programación artística arrancará pola tarde e estenderase de xeito ininterrompido ata a media noite con propostas de balde:
• 18:30 h | O Xogar de Breogán (Alameda de Castelao): Xogos de madeira de temática castrexa e sección de autómatas para conectar coas raíces e a historia celta.
• 19:15 h | Tanxarina: Titiricircus (Rúa Salgueiral): Un emotivo e participativo espectáculo de marionetas de fío que rende homenaxe ás glorias do vello circo.
• 20:15 h | Pasarrúas: O Minúsculo (Inicio na Praza de Ribadavia): Gran desfile multidisciplinar protagonizado por unha impactante marioneta de fío de cinco metros de altura.
• 21:30 h | Pablo Méndez Performances: Quimera (Praza do Concello): Espectáculo visual e acrobático inspirado na mitoloxía e na maxia da natureza.
• 22:30 h | Lg1do, Artista Urbano (Pista da Xunqueira): Concerto en directo dunha das grandes promesas musicais de Galicia, fusionando trap e reguetón en galego e español.
• 23:30 h | Mago Orbit: Acero (Praza da Torre): Broche de ouro cun show de ilusionismo de alto impacto e luces ao máis puro estilo das Vegas.
‘Aloha! Shopping Night’: Compras, descontos e animación
Como o complemento perfecto á oferta cultural, desde as 19:00 horas o tecido comercial sumará a súa propia animación. Máis de 40 establecementos ofrecerán interesantes descontos de ata o 70 % con promocións, música e sorpresas para os clientes. A Praza da Constitución acollerá postos especiais na rúa e varios locais de hostalaría ofrecerán propostas especiais para cear.
Digna Rivas pechou a presentación convidando a toda a veciñanza e dos concellos da comarca a achegarse a Redondela o vindeiro 31 de xullo “para vivir unha noite máxica de cultura, diversión, ocio e compras que non vai deixar a ninguén indiferente”.

