O delegado presenta en Redondela o proxecto impulsado polo Concello e a Secretaría de Estado de Memoria Democrática para poñerlles nome e rostro.
Súmase ao chamamento a sociedade para atopar familiares dos presos e das “madriñas” que colaboraron co seu benestar cara un acto de recoñecemento que se realizará en 2026; subliña que o proxecto “no que van man a man Concello e Goberno” é un paso adiante no recoñecemento das 5.600 persoas que pasaron polo penal entre 1936 e 1943 e das 517 vítimas que alí se produciron: “Estamos a cumprir o compromiso de devolverlle a palabra ás persoas que foron perseguidas, represaliadas ou asasinadas por defender a democracia e as liberdades que hoxe desfrutamos”
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, comprometeu o pasado 17 de decembro en Redondela o apoio do Goberno de España para reparar aos represaliados que pasaron pola Illa de San Simón desde 1936 ata 1943 e ás persoas que colaboraron na súa supervivencia arriscando a súa propia seguridade. Fíxoo durante a presentación, xunto á alcaldesa, Digna Rivas, do proxecto impulsado por este Concello e a Secretaría de Estado de Memoria Democrática que quere pór nome e rostro ás máis de 5.600 persoas que pasaron por este penal, e ás 517 vítimas que deixou.
O valor deste proxecto, que se materializa a través dunha web propia con información sobre os presos e as “madriñas”, as mulleres que cooperaron para o benestar das persoas encadeadas. Un proxecto “no que imos man a man, Concello e Goberno de España” e que supón “un paso decisivo na reparación destas persoas” así como unha forma de divulgar a historia do noso pasado e poñela a disposición da cidadanía
Ademais, co propósito de organizar un acto de reparación para 2026, o delegado sumouse ao chamamento á sociedade do Ministerio e o Concello de Redondela para encontrar os familiares dos presos, actualizar a base de datos e os contactos. Para isto a entidade redondelá ofreceu un correo electrónico (memoria@redondela.gal) onde enviar todo tipo de información. Ademais, tamén contactarán en colaboración co ministerio coas distintas asociacións de memoria democrática de Galicia e España na procura dos contactos e completar a información.
O delegado lembrou que este proxecto súmase ao inicio do expediente de declaración das Illas de San Simón e San Antón como Lugares de Memoria Democrática: “Unha declaración que é un acto de xustiza coas vítimas, coas súas familias e coas persoas que axudaron a estes homes na penuria da cadea, as Madriñas”. E concluíu que ambas iniciativas (a declaración e a web do Concello de Redondela) certifican “a nosa aposta pola memoria democrática como ferramenta de convivencia, de xustiza e de liberdade”.
Web de Memoria
No acto de hoxe lanzouse esta nova web do Concello de Redondela sobre a represión franquista no municipio: Memoria Democrática | Concello de Redondela. Esta iniciativa, financiada polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática dentro do programa 50 Anos en Liberdade, permite realizar buscas e consultas sobre as vítimas do franquismo.
A alcaldesa de Redondela amosouse satisfeita ao ser a primeira vez que o Concello, como institución, ofrece información sobre o franquismo dende a súa web institucional: “era unha débeda que arrastrabamos pero que, por fin, saldamos. Ademais quixemos darlle un espazo propio a todas esas mulleres de Redondela que foron solidarias cos presos malia as ameazas e os perigos”. Esta web servirá tanto para a investigación como para a consulta de público xeral posto que ofrece unha información adaptada a ambos perfís. Ademais incluirá unha pestana de recursos didácticos para os centros escolares para que as xeracións máis novas coñezan e tomen conciencia de que a ditadura franquista supuxo o asasinato, a tortura, o exilio e a persecución de milleiros de persoas sen outro motivo que pensar diferente.