Concello de Redondela

Redondela protexe a súa identidade co novo volume de toponimia da parroquia do Viso

– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia de rexistrar por escrito o “tesouro inmaterial” que se mantivo vivo grazas á transmisión oral durante séculos.
– A obra, asinada pola veciña e mestra Teresa Monteagudo, forma parte dun proxecto municipal que este ano centrará os seus esforzos en ampliar a recollida en Chapela e Trasmañó.

O Concello de Redondela continúa co seu firme compromiso de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e lingüístico do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas, presentou na sede da Sociedade Cultural do Viso o novo libro dedicado á microtoponimia desta parroquia, un acto que contou cunha ampla participación de veciños e veciñas.

Durante a presentación, Rivas agradeceu o acollemento da entidade cultural e subliñou que estes encontros arredor do patrimonio “serven para xuntarnos e falar arredor da cultura das nosas parroquias”. A rexedora fixo fincapé na fraxilidade da toponimia, un legado que sobreviviu ao paso do tempo grazas á transmisión oral. “Non se cortou esa cadea que chega ata nós, e por iso, como Concello e dende o Servizo de Normalización Lingüística, quixemos que todo ese tesouro quede rexistrado nos libros”, explicou.

Recoñecemento á xenerosidade veciñal

O volume presentado é froito do traballo de Teresa Monteagudo, mestra de secundaria en Redondela e veciña do Viso. A alcaldesa tivo palabras de especial gratitude para a autora, felicitándoa polo estudo e agradecendo que “dedicase o seu tempo persoal a recoller e compartir o seu coñecemento”.

Distribución de balde e continuidade do proxecto

O proxecto de recollida de microtoponimia de Redondela, que leva varios anos en marcha, ten como obxectivo publicar un volume por cada parroquia. Estes libros son de reparto gratuíto para a veciñanza, coa finalidade de que cada fogar teña ao seu alcance este coñecemento. “Cremos que, ademais da web de toponimia, é fundamental contar cos libros físicos”, sinalou Rivas. A alcaldesa aproveitou a ocasión para anunciar que o proxecto non se detén. Ao longo deste ano, o Concello levará a cabo un traballo exhaustivo de recollida nas parroquias de Chapela e Trasmañó, aumentando o material previo xa publicado e completando así o mapa da memoria colectiva de Redondela.

Compartir